O PSdeG de Zas recoñecerá a Marisa e Estrella, fundadoras da Asociación A Fonte de Fornelos, co Premio Mª Isabel Suárez Amado

O PSdeG-PSOE de Zas entregará o vindeiro sábado 17 de outubro o Premio Mª Isabel Suárez Amado a María Luisa Roel Cebral (Marisa) e Estrella Balsas Pose, fundadoras da Asociación A Fonte de Fornelos, entidade que este ano celebra o seu vixésimo aniversario. O acto terá lugar ás 18:00 horas no Local Social de Fornelos.

Este galardón naceu co obxectivo de manter vivo o legado de Isabel Suárez Amado e recoñecer o labor das mulleres rurais de Zas que, a través da cultura, o asociacionismo, o teatro, a música, a tradición ou a política, contribúen a mellorar a vida do municipio e a fortalecer a comunidade.

A portavoz do PSdeG de Zas, Sheila Rial, destaca o significado deste recoñecemento, que busca perpetuar a memoria dunha muller referente e pór en valor o traballo de tantas outras que impulsan o desenvolvemento social e cultural dos seus pobos. «O premio leva impreso a Isabel, leva o seu nome, e o seu deseño é unha ‘I’ que, ademais de ser a inicial de Isabel, simboliza a forza, o camiño andado e a labor realizada. Unha ‘I’ que se converte no talo dunha rosa, simbolizando a esperanza, o amor, a igualdade, a lealdade e esta familia da que Isabel sempre formará parte», explica Sheila Rial.

Dúas figuras fundamentais para a veciñanza

As homenaxeadas son pezas clave na creación e consolidación da Asociación A Fonte de Fornelos. Estrella Balsas, veciña da localidade de toda a vida, foi quen impulsou a creación da entidade e exerceu como a súa primeira presidenta. Pola súa banda, Marisa Roel, vinculada a Fornelos como mestra e namorada da súa vida veciñal, incorporouse ao proxecto desde os seus inicios como cofundadora.

Xuntas traballaron para construír un espazo de encontro e participación que, vinte anos despois, continúa a ser un referente comarcal. Ambas seguen fortemente vinculadas ás actividades da asociación e apoian o labor da actual directiva, que lles profesa un especial afecto.

Para Sheila Rial, o galardón recoñece unha traxectoria de compromiso colectivo e a capacidade de facer comunidade desde o ámbito local: «Este recoñecemento é moi merecido para dúas mulleres que crearon verdadeira comunidade e que demostraron o éxito de vinte anos de traballo asociativo. Ambas falan de Fornelos cun amor profundo e da asociación con respecto, cariño e, sobre todo, coa ilusión de que continúe acadando tantos éxitos como ata o de agora».

A portavoz socialista subliña tamén a importancia de que este acto sirva para reivindicar o exemplo de Isabel Suárez Amado arredor do Día Internacional das Mulleres Rurais, unha data que o partido aproveita cada ano para visibilizar a contribución feminina á vida social e comunitaria.

O evento celebrarase no Local Social de Fornelos a petición expresa das homenaxeadas, como unha tarde de celebración, memoria e recoñecemento mutuo aberta a toda a veciñanza.

Comparte éste artículo
No hay comentarios