Contan na cidade das murallas que este San Froilán está a superar os mellores prognósticos, ao contentar a todos os públicos e facer partícipe a toda a veciñanza, sen excepcións. Lugo palpita con ilusión; a cidade espertou nun cambio de dinámica onde se fan cousas de todos e para todos, logrando un auténtico punto de inflexión nun municipio que, tras unha longa etapa de letargo, volve ver a luz a través da emoción da súa xente, da ledicia nas rúas e dun espazo onde todo o mundo se sinte representado.
A gran artífice deste éxito é a alcaldesa, Elena Candia, quen cun ritmo vertixinoso de traballo está a transformar a dinámica urbana e a recuperar a normalidade en moitos eidos, gobernando para todos, respectando as diverxencias e deixando atrás o pasado. Lugo posúe enormes fortalezas para consolidarse como unha cidade aberta e innovadora, e a excelente acollida deste San Froilán pode marcar o inicio dunha nova era na que a cidadanía recupere o protagonismo absoluto.
Estamos ante un momento de suma e celebración. Con todo, non deixa de ser unha mágoa comprobar a vella folla de ruta dun sector empeñado na crítica pola crítica, ancorado na máxima estéril de que «canto peor, mellor».