82-95: Os asturianos gañan en Betanzos.
Primeira derrota da temporada para o Ineltrón Santo Domingo Betanzos. Os betanceiros, que aguantaron o ritmo dos universitarios ata o descanso (40-42), chegaron sen gasolina a un final de partido que se prometía máis disputado do que finalmente se viu no José María Valeiro Iglesias “Tocayo”. De feito, despois de varias remontadas, o equipo local, cun 80-84 no marcador, albiscou posibilidades de vitoria con dous tiros libres para Pablo Ríos que ao final non entraron, así como o tiro de tres de Abelleira tras o rebote en ataque de Randolph Acevedo. Quedaban tres minutos e, a partir de aí, un contundente parcial de 2-11 daba boa conta duns locais que non souberon xogar os últimos instantes. Na parte positiva, os 20 puntos dun Randolph Acevedo que hai dous anos xogaba en Segunda Autonómica, os 15 de Abelleira e o dobre-dobre do incombustible Marcos Rozas (10 puntos e 11 rebotes). Sumaron tamén Pablo Ríos (12 puntos e 7 rebotes), Santi González (10 puntos) e un Nico Lagares (8 puntos e 5 rebotes) que saíu moi enchufado nos primeiros compases.
Así valoraba o encontro José Amando Pena “Soviético”, o adestrador local: “Non puidemos manter o ritmo do equipo de Oviedo. O pouco acerto que tivemos nas triplas (3/24), a presión defensiva e súa superioridade no rebote ofensivo lastrounos durante todo o partido. Aínda que houbo fases nas que mantivemos a intensidade en defensa cun pouco de acerto ofensivo, o que daba lugar á sensación de que podíamos competir ata o final, tres canastras seguidas dos de Oviedo sentenciaron o marcador a falta de dous minutos”.
Con esta derrota o Ineltrón Santo Domingo descende ata a sétima posición e a vindeira fin de semana enfronta un difícil desprazamento ata Carbajosa de la Sagrada (Salamanca) para medirse a un Recoletas Carbajosa que xa gañou os seus dous primeiros partidos.
Vitorias dos equipos de Segunda e Terceira Autonómica
A nota positiva da xornada, tras a derrota tamén dos infantís ante Montrove por 36-70, estivo nas vitorias dos equipos sénior masculino de Segunda e Terceira Autonómica. Se os primeros gañaban a Narón por 74-70 no último partido da
1 xornada, La Goleta, o conxunto de Terceira, conseguía a primeira vitoria da temporada en Calasanz por 66-81.