Valentín González Formoso, que fixo de copiloto de Solberg na ronda de recoñecemento, destacou a “tradición de rally que hai en Galicia e en Ferrolterra” e salientou a presenza nesta segunda edición dos catro campións do mundo de rallyes.
Todo preparado no circuíto das Pontes para vivir mañá, domingo 16 de agosto, unha gran festa do motor coa celebración do segundo Rallyshow Deputación da Coruña. Hoxe, sábado 15 de agosto, a pesar da fina choiva, a expectación foi máxima para asistir á presentación da proba e para presenciar e participar en todas as actividades que inclúe o completo programa deseñado para esta xornada previa.
A rolda de prensa dos pilotos levantou unha gran expectación entre o público asistente ás voltas de recoñcemento de hoxe. E é que alí, xunto ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e ao deputado de Deportes, Antonio Leira, estaban catro campións do mundo de rally: Luis Moya, Stig Blomqvist, Miki Biason e Petter Solberg. Unha posta en escea inmellorable para unha proba que medra a pasos axigantados e, como salientou González Formoso, “vai ir a máis”.
Formoso, que viviu a experiencia de ser copiloto de Petter Solberg durante unhas rondas, quixo facer fincapé na gran “afección que hai ao motor e aos rallys en Galicia en xeral e en Ferrolterra en particular” e destacou que “facemos esta presentación do Rallyshow dunha maneira simbólica, rodeados de campións do mundo, rodeados de persoas que deron a vida por este deporte que aman e que nos van a deleitar cunha exhibición para lembrar a historia do automobilismo”.
Tamén puxo o foco sobre a figura de Luis Moya, “alma mater desta proba, a quen chamamos á súa porta e sempre está disposto a dalo todo a cambio da nada para que os afeccionados ao motor poidan desfrutar de todo isto que temos aquí durante esta fin de semana”. O presidente rematou a súa intervención cun desexo: “o ano que ven, Carlos Sainz estará aquí, con Luis Moya ao seu carón”.
Pola súa parte, Petter Solberg eloxiou a traxectoria de Luis Moya e a paixón polo motor que percibe en España. El e Sitg Blomqvist aproveitaron a súa quenda de palabra para agradecer á organización polo esforzo de reunir a catro campións do mundo nas Pontes.
A sorpresa da xornada correo a cargo do italiano Miki Biason, que nun perfecto español sinalou a “increíble aficción que hay en A Coruña” e lembrou que “los rallys son importantes también por la promoción que se hace del territorio, ahora mucha gente en Italia ya conoce donde está A Coruña”.
Despois da presentación desenvolveuse a experiencia TRS de pilotaxe deportiva, na que afeccionados seleccionados puideron completar voltas ao trazado nun Renault Clio RSR Rally2 acompañados por un instrutor profesional. A actividade deportiva continuará ás 16.30 horas cos adestramentos libres dos pilotos que competirán ao día seguinte.
Fan Zone para coñecer ás lendas do motor
A Festa do Motor contará cunha Fan Zone concibida como espazo de encontro entre os afeccionados e as grandes figuras do automobilismo. Durante a xornada haberá un período específico para que o público poida achegarse aos campións do mundo, conseguir os seus autógrafos e fotografarse con eles. A Fan Zone incluirá tamén photocall oficial, exposición de vehículos, un globo aerostático que- se a meteoroloxía o permite- permitirá ao afeccionados ver As Pontes desde o aire, merchandising e diferentes actividades promocionais.
Deste xeito, a Deputación quere reforzar o carácter da Festa do Motor como unha experiencia para toda a familia, máis alá da propia competición. A zona de restauración, con churrasco, polbo e bocadillos, permanecerá operativa durante toda a fin de semana, permitindo que afeccionados e familias poidan permanecer nas instalacións e gozar da programación sen necesidade de desprazarse.
O domingo 16 de agosto chegará o momento central da fin de semana coa segunda edición do Rallyshow Deputación da Coruña. As instalacións abrirán ao público ás 9.00 horas e, ao longo do día, a competición irá alternando as diferentes mangas con exhibicións de Carcross, Drift e outras disciplinas do motor.
Tras os adestramentos libres e a manga clasificatoria da mañá, pola tarde disputaranse os oitavos e cuartos de final, as semifinais, a loita polo terceiro e cuarto posto e a gran final, prevista para as 17.45 horas. Ás 18.00 horas terá lugar a entrega de trofeos e ás 18.30 celebrarase unha última manga de exhibición cos pilotos convidados.
A programación completarase durante a fin de semana cunha exposición de vehículos históricos, clásicos, deportivos e de competición, dous simuladores profesionais de rally e numerosas propostas para o público familiar. Os máis pequenos disporán dun circuíto de educación viaria con karts a pedais, percorrido sinalizado e actividades sobre seguridade viaria e mobilidade responsable.
Concerto de Sés
A música será a encargada de poñer o broche final á Festa do Motor. Ás 19.00 horas do domingo, Sés ofrecerá o concerto de clausura, pechando dous días de automobilismo, espectáculo, gastronomía e actividades para todos os públicos nas Pontes.