O Val e Victoria de Santiago disputaron en animado partido sobre a herba natural de Sinde que rematou sen goles. O encontro deixou moitas ocasións, que se acrecentaron sobre a portería de Lidia no segundo tempo. Dous paus axudaron á meta valexa a manter o seu marco a cero e a convertela na mellor xogadora do partido. Ana, na porta victorista, Fandiño e Antía, tamén encarnadas, gozaron dos seus primeiros minutos da temporada nunha xornada na que o seu equipo perdeu o liderado.
O Val equilibra a presión do Victoria
O Val tomara nota dos problemas que lle causara na pretemporada a presión adiantada do Victoria nun amigable e aproveitou que en Sinde B había outro partido para levar o encontro oficial contra as santiaguesas ao contiguo, de herba natural e, sobre todo, por ser algo máis amplo. A teor do resultado a decisión foi favorable aos intereses do cadro naronés, que no primeiro tempo, até con fases de dominio e presión na parcela rival, puido manexar con algunha folgura un partido no que o Victoria tamén tivo as súas opcións.
As porteiras estiveron libres de complicacións durante o primeiro cuarto de xogo. A partir dese instante, o Victoria abriu as hostilidades cun golpeo de Duro desde a frontal para que Lidia comezara o seu recital de parades e despexes. Uxía Romero colleu o rebote, pero non atinou no remate, que cruzou excesivamente ante unha meta local que xa estaba en pé para tapalo,
Un minuto máis tarde, Lidia non se complicou para facer que outro disparo de Laura Deus, asomada ao balcón da área, ficara afastado da área logo de facelo rebotar nas súas pernas.
O Val, que durante unha fase do período puido mostrar os seus argumentos ofensivos, gozou da mellor ocasión nun xute de Martina Soto que Ana desviou contra o seu traveseiro. A defensa compostelá afastou definitivamente o perigo cando se cumpría o minuto 34.
Despois, na mellor combinación de ataque local, na que se xuntou a velocidade de execución e o aproveitamento do espazo, O Val puido adiantarse por segunda vez. Claudia, de costas ao campo, intuíu o pase interior para Sara, a mediacentro profundizou para a carreira de Antía Brage pola esquerda, pero a lateral non puido atopar o camiño do gol no xute cruzado co que remataba a súa subida..
A descanso chegouse co susto polo golpe que apañou Carla, unha das pezas básicas no centro do campo das encarnadas. Afortunadamente, reintegrouse ao partido tras o descanso.
Lidia salva a O Val
O segundo tempo foi diferente. O Victoria foi claramente a polo partido e dispuxo de inumerables ocasións para levar os tres puntos de Sinde.
As dúas primeiras aconteceron no minuto 49. Enma conseguiu liberarse cunha recepción e saída da súa marcadora e, desde a media lúa, xutou lonxe da estirada de Lidia. Sen embargo, desta vez foi o poste quen actuou como aliado da porteira de Valdoviño. Na continuación, Minerva recolleu o coiro pola dereita e desde ese lado probou con outro golpeo que tamén sacou o son metálico do mesmo pau.
Lidia foi crecendo cada vez máis no partido. No minuto 52 tapou con valentía un man a man ante Enma, e, tras refacerse logo do rebote, voou para sacar da escuadra un disparo curvado de Carla.
A meta local mostrou un altísimo nivel nesa fase do xogo. Dous minutos máis tarde foi quen de rexeitar o disparo de Portabales, unha das centrais con máis xerarquía do campionato.
As substitucións foron cortando o ritmo do xogo do Victoria, que volveu a recuperar a presenza en ataque con máis finalizacións a partir do minuto 72, canda un centro xute de Duro topou cos dedos enluvados de Lidia.
Outra das ocasións visitantes máis claras aconteceu no minuto 75, cando Lidia, que lle tiña tomada a medida a Enma nos man a man, librou a O Val de verse en desvantaxe. O disparo da atacante victorista ficou condicionado pola saída da porteira, malia que non puidera evitar o golpeo. Unha defensa desviou o coiro sen poder afastar o perigo. A pelota recolleuna Fandiño, que querendo asegurar o disparo polo centro, viu como volvía a aparecer Lidia da nada para desbaratar definitivamente o opción de gol.
Co Victoria envorcado, O Val tivo a grande ocasión para sumar os tres puntos nunha contra. Claudia ofreceu o seu desmarque na área para que Martina Soto se asociara con ela. En mala posición para o remate, Claudia tamén viu o desmarque polo centro de Bea, que no man a man non foi quen de superar a excelente saída da estreante Ana. A pequena meta visitante fíxose grande acortándolle totalmente o remate á experimentada dianteira local.
Coas xogadoras extenuadas, o Victoria non perdeu a fe no triunfo ao tempo que O Val parecía desfrutar no sufrimento que lle ocasionaba defender á desesperada, No minuto 89, Lidia salvou un xute de Uxía Romero desde fóra da área, antes que o partido rematara cun disparo de Antía lixeiramente elevado.
O Victoria, que conseguira o terceiro liderado da historia en competición estatal seis anos despois da vez anterior, pérdeo na seguinte xornada, como nas dúas ocasións previas. Pola súa banda, O Val tamén fai historia ao conseguir puntuar por primeira vez xogando contra un líder en competición estatal. O partido foi un exemplo de que o fútbol pode ser marabilloso mesmo sen os goles.
Ficha
DOMINGO 11/10/2026 (12,00) Campo: SINDE (100)
S.D. O VAL DE NARÓN : 0 ‑ VICTORIA F.C. : 0 (0‑0)
VAL :Lidia; Samai, Nati, Ari, Antía Brage (Bea 64’); Claudia, Sara (Estela 64’), Marina (Nata 55’); Martina Soto, Antía Delgado, Noa (Clara 87’). Tre. Marcos Casal.
VFC Ana; Cata (Claudia 83’), Portabales, María Rivera (Fandiño 57’); Minerva, Carla (Antía 83’), Duro, Liana, Laura Deus; Enma (Calviño 87’), Uxía Romero. Tre. Tomás Mougán. (Banco: Alba).
Goles:
Árbitro: Barrera Lourido (Galiza-Ferrol). Auxiliares: Fuentes Quilarqui e Campos Fernández.
Disciplina: CA: María Rivera 36’.
Observacións: O partido xogouse en Sinde ao estar ocupado con partidos da base Sinde B.
Foto: Liana protexendo o balón ante Claudia nun partido de alta intensidade. © 21noticias.com