O PP de Foz pregunta a Cajoto polo futuro das propostas para renomear rúas e denuncia que o novo rueiro, cun custo superior aos 14.000 euros, segue no caixón

“O que se anunciou a bombo e platillo nos medios foi unha consulta pública, pero é que non sabemos nada. Ao final é o de sempre: moito anunciar, pero despois pouca eficacia e poucos feitos”, afirma Castiñeira.

O Partido Popular de Foz pregunta ao alcalde Cajoto que foi do plan anunciado polo goberno local para renomear varias rúas do municipio e das propostas achegadas polos veciños no marco da consulta pública. Os populares denuncian a falta de información sobre o proceso e lamentan que, malia os anuncios realizados nos medios de comunicación, non se coñezan avances nin decisións ao respecto.

O voceiro do PP de Foz, Javier Castiñeira, considera que esta situación responde a unha forma de actuar do goberno local na que, segundo sinala, abundan os anuncios, pero faltan resultados. “O que se anunciou a bombo e platillo nos medios foi unha consulta pública, pero é que non sabemos nada. Ao final é o de sempre: moito anunciar, pero despois pouca eficacia e poucos feitos”, afirma.

Castiñeira tamén critica que o Partido Popular non fose convocado a ningunha reunión nin comisión para abordar esta cuestión, nin se solicitase a súa opinión. Neste sentido, lembra que a formación xa puxera a creación dunha comisión na que, ademais dos representantes dos partidos políticos, participase asesores e persoas con coñecementos sobre a historia local, como o cronista oficial.

O obxectivo, explica, sería analizar as distintas alternativas e valorar con criterios obxectivos os nomes que poderían incorporarse ao rueiro municipal, tendo en conta a existencia de numerosas persoas, lugares, datas e feitos históricos que poderían merecer este recoñecemento.

“É moi importante que neste caso haxa unanimidade, porque cremos que vai formar parte do pobo durante practicamente toda a vida e, polo tanto, cremos que deben facerse ben as cousas”, sinala o voceiro popular, que insiste na necesidade de que a decisión se adopte con rigor, participación e consenso.

Por iso, o PP reclama ao alcalde que aclare que pensa facer coas propostas presentadas polos veciños, que, segundo Castiñeira, participaron coa mellor vontade e agora descoñecen cal vai a ser o destino das súas achegas. “Queremos preguntarlle ao señor Cajoto que pensa facer con todas esas propostas, porque vemos que parece que se meten no caixón, como se meten outras moitas cousas”, apunta.

O novo rueiro, tamén pendente

Os populares relacionan esta situación coa falta de avances noutro proxecto anunciado polo alcalde: a elaboración dun novo rueiro municipal, no que, segunda lembra Castiñeira, se investiron máis de 14.000 euros.

O voceiro do PP cuestiona que este traballo, realizado por unha empresa contratada para tal fin, continúe sen materializarse e sen que o goberno local explique que decisión tomou sobre el. “O novo rueiro tamén o anunciou no seu momento o señor Cajoto, no que gastou máis de 14.000 euros, e está metido no caixón. Non sabemos se o traballo da empresa non lle gusta, se non o quere poñer en marcha ou que pensa facer con el”, manifesta.

Para Castiñeira, tanto a falta de información sobre o cambio de nomes das rúas como a situación do novo rueiro evidencian, ao seu xuízo, unha distancia entre os anuncios do goberno local e a súa execución.

Por todo iso, o Partido Popular de Foz esixe explicacións ao alcalde sobre o estado de ambos os asuntos, o destino das propostas veciñais e os pasos que pensa dar para avanzar nun proceso que, segundo defende a formación popular, debe abordarse con transparencia, participación e consenso.

Comparte éste artículo
No hay comentarios