Un informe técnico destapa a existencia de 47 institutos galegos onde devolver a docencia presencial de Latín e Grego tería «coste cero» para a Xunta.
A comunidade educativa das linguas clásicas en Galicia “Clásicas en Pé, acta non verba” vén de facer público un exhaustivo informe técnico tras auditar 94 institutos de Educación Secundaria (IES) das catro provincias galegas. O documento saca á luz un paradoxo na xestión do ensino público: a existencia de 47 centros educativos a «custo cero», onde a Consellería de Educación mantén a profesorado especialista de Latín e Grego contratado a xornada completa realizando gardas ou impartindo materias afíns, mentres se obriga a máis de 200 alumnas e alumnos a seguir estas materias nunha pantalla a través da educación a distancia (CADD).
Dende a plataforma “Clásicas en Pé” sinalamos que devolver a docencia presencial a estes 47 institutos non supón ningún gasto nin incremento orzamentario para a Xunta de Galicia, ao estar o recurso humano xa asignado aos propios centros. Do mesmo modo, o informe advirte de trabas e irregularidades no proceso de matriculación noutros 15 IES, onde as materias de linguas clásicas non foron ofertadas con transparencia na plataforma XADE nin nos sobres de inscrición.
Desigualdade do alumnado galego na PAU
Á perda de presencialidade súmase o agravio comparativo que sofre o alumnado galego nas probas de acceso á Universidade (PAU/ABAU). A Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) mantén a ponderación de Latín II e Grego II nun 0,1 para os graos da rama de Ciencias Sociais e Xurídicas, fronte ao 0,2 fixado en comunidades como Madrid, Murcia ou Andalucía. Esta diferenza prexudica directamente o alumnado galego, que compite no distrito único universitario con ata 1 punto limpo menos na súa nota de admisión.
Respaldo sindical e mobilización de sinaturas
As reivindicacións do colectivo e os datos do informe técnico xa foron trasladados á Mesa Sectorial de Educación, contando co respaldo da representación sindical para esixir unha solución inmediata, a fin da amortización de prazas por xubilación e unha norma clara de Inspección que garanta a oferta de optativas antes do 15 de xullo.
Asemblea Autonómica e rexistro o 16 de outubro
Como fito central das mobilizacións, este venres 16 de outubro terá lugar a Asemblea Autonómica de Clásicas na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Durante a xornada farase reconto do expediente de sinaturas (físicas con DNI e o respaldo social acumulado na plataforma change.org) que será entregado formalmente por rexistro á Consellería de Educación, a CIUG e o Parlamento de Galicia.