O Grupo Municipal Socialista de Arteixo esixe explicacións ao alcalde Carlos Calvelo, polo «incomprensible bloqueo» das obras de humanización do barrio das Eiras, en Meicende. A formación denuncia que, oito anos despois de que se paralizaran os traballos no ano 2018, o executivo do Partido Popular segue sen retomar un proxecto vital para mellorar a convivencia, a visibilidade e a seguridade viaria nas rúas Ecuador e Travesía de Meirás.
O portavoz socialista, Martín Seco, lembra que a rexeneración das Eiras foi anunciada polo PP no ano 2017 como unha actuación estratéxica contra o menudeo de drogas e a degradación urbana, prevendo o derribo de edificacións, a apertura de beirarrúas e a eliminación de «tampóns» urbanísticos. Porén, tras o recurso xudicial dun dos propietarios afectados pola expropiación, o Concello decidiu conxelar a obra e deixala no esquecemento.
Escusas legais falsas e un trato «á carta»
Martín Seco puxo ao descuberto reiteradamente as «incoherencias» da xustificación do alcalde no pleno do pasado mes de xullo, cando se escusou dicindo que a obra estaba pendente de que o veciño afectado «aceptase a expropiación».
«Calquera que coñeza a lei sabe que unha expropiación forzosa é un procedemento administrativo reglado e tasado, que non depende da vontade ou do visto bo dun particular», explicou Seco. «Dicir que a obra de Meicende está parada porque un veciño non acepta a expropiación é unha escusa totalmente falsa para tapar oito anos de falla de xestión».
A maiores, o PSOE alerta de que o alcalde podería estar a manter negociacións económicas e propostas monetarias directas á marxe dos procedementos oficiais. «Queremos saber por que este veciño recibe un trato diferente ao resto da veciñanza de Arteixo e por que o alcalde negocia prezos coma se a administración pública fora unha inmobiliaria privada, como se unha expropiación fora un proceso negociado de compra e non fose un proceso tasado”, denunciou o voceiro.
Dende o grupo socialista salientan que os veciños e veciñas de Meicende levan case unha década soportando unha contorna a medias e degradada pola «dobre vara de medir» do Goberno de Carlos Calvelo que se “veu facer a foto a Meicende en 2017 prometendo acabar coa marxinación nas Eiras, pero a realidade é que leva oito anos coas obras paralizadas”.
Para os socialistas non ten sentido legal dicir que se atopa á espera de que un afectado acepte a expropiación, nin é ético que o alcalde faga propostas económicas “por debaixo da mesa”. “Esiximos que Calvelo aclare por que este propietario é diferente ao resto dos veciños de Arteixo e que execute de inmediato o proxecto para darlle ás Eiras a dignidade que merece», manifestou o voceiro socialista, Martín Seco.