A Deputación da Coruña achega a Cerceda, Melide e A Pobra especialistas de referencia para promover unha vida máis saudable

O cardiólogo José Ramón González Juanatey abrirá o programa o 21 de outubro no Auditorio de Cerceda coa conferencia “Como vivir máis de cen anos con saúde”.

A Deputación da Coruña organiza o ciclo de conferencias “Vida Saudable e Envellecemento Activo”, que reunirá entre outubro e decembro en Cerceda, Melide e A Pobra do Caramiñal a tres especialistas de recoñecida traxectoria nos ámbitos da cardioloxía, a oncoloxía e a investigación en obesidade. O programa achegará á cidadanía información rigorosa e comprensible, así como pautas prácticas para coidar a saúde, previr enfermidades e manter a autonomía ao longo da vida.

A iniciativa prestará especial atención ás persoas maiores e á poboación dos municipios rurais, co obxectivo de facilitar o acceso ao coñecemento médico e científico e axudar a tomar decisións informadas sobre o coidado da saúde. As sesións abordarán cuestións como a alimentación, a actividade física, a prevención dos factores de risco e os avances na investigación e no tratamento das enfermidades.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que “coidar a saúde e previr enfermidades é fundamental para gañar anos de vida, pero tamén para vivir eses anos con maior autonomía e calidade de vida”. Neste sentido, sinalou que o ciclo permitirá “achegar información útil á cidadanía da man de especialistas de primeiro nivel, facilitando que todas as persoas, vivan onde vivan, teñan acceso a coñecementos e recomendacións que lles axuden a coidarse mellor”.

Saúde cardiovascular: como vivir máis anos con saúde

A primeira conferencia celebrarase o 21 de outubro no Auditorio de Cerceda. Baixo o título “Como vivir máis de cen anos con saúde”, o doutor José Ramón González Juanatey, catedrático de Cardioloxía da Universidade de Santiago de Compostela e delegado reitoral para a Estratexia en Ciencias da Saúde da USC, explicará o papel da prevención cardiovascular e dos hábitos cotiáns na saúde e na calidade de vida.

A sesión ofrecerá recomendacións prácticas sobre alimentación equilibrada, exercicio físico e control dos factores de risco cardiovascular, cunha visión centrada na importancia de coidarse ao longo de todas as etapas da vida.

Cancro: prevención, diagnóstico precoz e tratamentos

O ciclo continuará en novembro en Melide coa conferencia “O cancro, prevención e tratamento”, impartida polo doutor Rafael López López, xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e catedrático da USC.

A súa intervención abordará a prevención, a importancia do diagnóstico precoz e os avances nos tratamentos oncolóxicos. A charla permitirá achegar á cidadanía os progresos da investigación e explicar como contribúen a mellorar a atención e as perspectivas das persoas con cancro.

Obesidade: comprender as causas e mellorar a prevención

A última xornada terá lugar en decembro na Pobra do Caramiñal, coa conferencia “Vivir sen obesidade”, a cargo da doutora Ana Belén Crujeiras Martínez, investigadora do Sistema Nacional de Saúde e directora do grupo de Epixenómica en Endocrinoloxía e Nutrición do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS).

A investigadora explicará os factores que inflúen no desenvolvemento da obesidade e abordará a súa prevención e tratamento, así como a relación entre alimentación e saúde. A sesión achegará información sobre as estratexias para previr as enfermidades asociadas e mellorar a calidade de vida.

Comparte éste artículo
No hay comentarios