O alcalde de Malpica condiciona o asfaltado a «cando teña cartos» mentres infla o seu soldo e paga 2.500 euros por cambiar unha bombilla

Nunha recente visita «institucional» aos veciños, o alcalde de Malpica comparecía cunha mestura de paternalismo e retranca económica prometendo asfaltar as pistas… pero «se hai cartos», claro. A desculpa perfecta para seguir deixando o rural no abandono mentres a realidade económica do concello conta outra película ben distinta nos rexistros e actas dos plenos. Porque cartos si que hai, o que pasa é que teñen prioridades moi claras, os soldos estratosféricos do alcalde e dos concelleiros do goberno, ou gastar a frioleira de 2.500 euros en cambiar a bombilla dunha farola. Toda unha proeza de inxeniería orzamentaria que, por fortuna ou vergonza, queda perfectamente rexistrada nas actas plenarias.

O que xa roza o xénero fantástico, case cómico se non fose o esperpento ao que nos teñen acostumados, é ver como un executivo sen maioría é quen de resistir ancorado ao poder sine die. ¿O segredo? Moi sinxelo, cando o único norte é quentar o cómodo asento do hemiciclo municipal e cobrar a nómina a fin de mes, tampouco fai falta maioría absoluta. Chega con tirar de axustes de corda floxa e coa oportuna abstención da oposición, (PSOE, BNG, e un independente), cómplice ou comodona, o como dicimos os galegos «vai ti a saber», que tampouco parece ter demasiada présa por mover a cadeira do alcalde do PP.

Namentres esta comedia de salón se enquista no tempo e as facturas demóranse ata 100 días, tarde, mal e arrastro, como o peor dos morosos, a veciñanza ten que soportar unha situación de abandono manifesto. Non hai axudas, non hai unha fiscalización real, e tampouco se escoitan as urxencias do rural máis esquecido, iso si, mentres os impostos se pagan relixiosamente cada ano para pagar bombillas a prezo de ouro.

Visto o panorama, se nas vindeiras eleccións municipais o personal volve votar o mesmo, o máis sensato sería deixar directamente as pistas sen asfaltar, subir o precio das bombillas a 2.999 euros e poñernos todos a cavar con sachos os regos de augas pluviais fronte ás portas das nosas casas. Total, a responsabilidade municipal brilla pola súa ausencia e o concello leva anos aplicando a lei da selva.

A única solución real pasa por fiscalizar a xestión do alcalde nas vindeiras eleccións, non votando a quen vive a costa dos veciños, aínda que moito me temo, que o rexidor actual volverá saír elixido mofándose dos veciñose, fiel a aquel cínico pensamento que soltara cun vaso non de auga na man e sen o menor gramo de pudor: «aquí a xente vota coma borregos» Porque para seguir gobernados baixo esta nova forma de anarquía institucional chamada «deixadez de funcións absoluta», calquera opción no monte parece máis segura que depender de quen paga 2.500 euros por cambiar unha simple lámpara.

Comparte éste artículo
No hay comentarios