O Concello de Baltar acollerá o vindeiro sábado 24 de outubro a I Feira do Mel da Serra do Larouco, unha cita pioneira deseñada para impulsar a produción local, poñer en valor o labor dos apicultores da contorna e achegar este produto de calidade á veciñanza e aos visitantes.
O evento, que terá como escenario principal o Pavillón de Deportes, abrirá as súas portas ininterrompidamente en horario de mañána (a partir das 10:00 horas) e de tarde (retomando a actividade ás 16:00 horas). A feira reunirá un total de 13 expositores, entre os que destacan referentes do sector e da comarca coma Apícola RJ (Xinzo de Limia) e Queixos Gaia (Vilar de Santos).
Gastronomía, obradoiros e showcooking en directo
Ademais da zona expositiva e de venda de mel e produtos agroalimentarios, a organización preparou un programa dinámico que inclúe un obradoiro especializado, unha degustación popular de mel e un atractivo showcooking culinario. Esta exhibición de cociña en directo terá lugar durante a xornada matinal e correrá a cargo do recoñecenciado cociñeiro de Baltar José Antonio Lorenzo.
Foro técnico: do futuro da apicultura ao reto climático
O programa da feira tamén terá un marcado perfil formativo e de debate a través dun ciclo de catro conferencias protagonizadas por expertos e apicultores da Limia:
- Pola mañá: O programa arrancarà coa intervención de Manuel Aguiar (Abellas Nais), quen ofrecerá unha radiografía xeral da apicultura no país. A continuación, a divulgadora medioambiental Xiana Albor disertará sobre a conexión entre apicultura e biodiversidade, mentres que os apicultores Mónica Herrera e José Pazos compartirán diversas experiencias de éxito empresarial no sector.
- Pola tarde: O foco desprazarase cara aos grandes desafíos ambientais e de seguridade para a cabana apícola. Os veteranos apicultores Benito Prado e Manuel García abordarán o impacto do cambio climático, a incidencia dos incendios forestais e a presión exercida pola avispa velutina.
Un proxecto consolidado no territorio
Esta primeira edición da Feira do Mel enmárcase dentro do consolidado ciclo cultural e divulgativo «Os meses do Larouco», unha iniciativa impulsada pola propia veciñanza da serra que arrancou en xaneiro de 2024. O programa busca pór en valor o patrimonio natural, cultural e deportivo da zona. Toda a traxectoria e as actividades deste ciclo pódense consultar en liña a través do portal oficial do proxecto.
A celebración deste evento é posible gracias á implicación e colaboración conxunta do Concello de Baltar, o INORDE, a Deputación de Ourense, a plataforma Serra do Larouco e a entidade Abellas Nais.