Os populares sosteñen que “esta rolda permitiría reducir o volume de tráfico no casco urbano” e que “sería moito máis útil que a ponte que pretende construír o alcalde no paseo do Malecón”.
Os concelleiros do PP de Monforte condenan que “o alcalde non sexa capaz de concretar as obras de construción dunha rolda urbana entre a rúa Ourense e a estrada N-120 que el mesmo anunciou” tras asinar, en novembro de 2023, un convenio de colaboración co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e a Deputación de Lugo.
Os populares esixirán no vindeiro Pleno do Concello que o alcalde execute o recollido no convenio toda vez que consideran que esta rolda de 1,2km “é fundamental para a mellora do tráfico da cidade”; xa que “facilitaría enormemente os desprazamentos cara as zonas da periferia, así como os accesos ás estradas da comarca evitando o paso de moitos vehículos polo centro da cidade”.
Os concelleiros aseguran que “permitiría a redución do volume de tráfico no casco urbano” e, incluso, consideran que “sería moito máis útil que a ponte que pretende construír no paseo do Malecón”.
O Grupo Municipal Popular afea que “despois de tres anos dese anuncio, coma tantos outros anuncios de José Tomé, nada se saiba desas obras”. Así, condenan que “unha obra útil estea paralizada mentres o equipo de goberno se empeña en gastar 5M€, co apoio da Deputación, nunha ponte no paseo do Malecón menos útil e estratéxica para a cidade”.