Rueda insta aos populares de Lugo a ser “motor do cambio” en España: “As Xerais gáñanse tamén en cada aldea, en cada vila e en cada cidade galega”

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, insiste en “aspirar a todo” como “única receita” do éxito para os próximos retos electorais e augura que Galicia será “o motor do cambio en España”, contribuíndo de maneira destacada á vitoria de Alberto Núñez Feijóo nas Eleccións Xerais do 29 de novembro. Así o manifestou na Xunta Directiva Provincial do PP de Lugo, onde lles pediu aos populares lucenses implicación, rapidez e traballo para demostrar como se fan as cousas no PP. “As xerais gáñanse tamén en cada aldea, en cada vila e en cada cidade galega”, dixo.

Así o sinalou durante a reunión, que encabezou xunto á presidenta do partido na provincia, Elena Candia. Tamén participaron a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o presidente do PP local, Ramón Carballo. Rueda puxo en valor os éxitos electorais de Lugo, a provincia co mellor resultado de toda España en 2023, un logro que anima a “superar” baixo o modelo de “estabilidade e moderación” do PPdeG, en contraste co modelo do sanchismo de oito anos de “caos e desvergoña”.

Ademais, afea aos socialistas galegos e ao BNG que “sustenten” este modelo sanchista, así como outras opcións como Frente Amplio que, para o presidente do PPdeG, “son caras da mesma moeda”.

Para Rueda, as razóns de que Pedro Sánchez convocase agora eleccións  fundaméntanse en que “non lle saíu a xogada de tapar con dous decretos trapalleiros oito anos de inacción en vivenda”. Neste punto, lembrou que o presidente do Executivo central volveu incumprir un ano máis o seu propio anuncio de presentar os Orzamentos Xerais do Estado -segue cos de 2023, fronte ao modelo galego de orzamentos en tempo e forma anualmente- e que cada día se coñecen máis detalles das diferentes tramas corruptas do Goberno.

Para o presidente do PPdeG, Galicia fai o que debería ser normal pero que, por desgraza é cada vez máis excepcional: solucionar os problemas dos galegos e galegas. Así, subliñou medidas do Goberno galego do PP como o plan de vivenda, xa que se están construíndo máis de 4.000 vivendas en toda a comunidade autónoma. Delas, 615 proxéctanse na cidade de Lugo.

Tamén se referiu á Atención Primaria, cun plan de choque fomentado dende o Goberno galego para mellorala, así como a reforma e a construción de novos centros de saúde, como o do Sagrado Corazón ou a Milagrosa. No apartado da lingua, lembrou o acordo histórico polo galego “para que ninguén se apropie dunha riqueza que é de todos”.

ELENA CANDIA: “LUGO XÓGASE MOITO NESTAS ELECCIÓNS”

Pola súa banda, Elena Candia asegurou que “Lugo se xoga moito nestas eleccións” á vista dos “incumprimentos e débedas de Sánchez” coa cidade e coa provincia, especialmente, en materia de infraestruturas. “Merecemos un Goberno empático co noso territorio e que dea resposta ás necesidades importantes de Lugo e a provincia”, engadiu.

A dirixente popular citou o incumprimento dos prazos anunciados polo propio Goberno para a finalización da A-54: “Xa perdemos a conta das veces que anunciaron o seu remate, pero a realidade é que continuamos sen conexión completa por autovía entre Lugo e Santiago”. Tampouco avanzou na autovía entre Lugo e Ourense ou na da Mariña, a pesar de ser prometida polos representantes socialistas na campaña das anteriores eleccións xerais, e moitas estradas nacionais continúan en mal estado.

En clave municipal, lembrou “a falta de avances en relación ao compromiso para o mantemento da ponte branca ou sobre o convenio coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil para a mellora da rúa Fermín Rivera”. Candia incidiu tamén no incumprimento do anuncio do propio Ministro Puente para a posta en marcha da nova estación de tren en Lugo. “É unha mostra máis da falta de compromiso con Lugo como evidencian a perda de frecuencias ferroviarias e de conexións con Barcelona ou o norte peninsular”.

A presidenta provincial defendeu o modelo do Partido Popular como “proxecto político unido, forte, serio e avalado pola xestión” ante “o esperpento que temos en fronte”. Por iso cre que “estas eleccións deberan ser motivacionais”.

Candia lembrou a forte implantación do Partido Popular nestes momentos no territorio da provincia de Lugo onde goberna para o 65% da poboación. Así, amosouse convencida de lograr, co apoio de todos e a implicación da militancia, o ilusionante reto de alcanzar os resultados das anteriores xerais do 2023 nas que o a provincia de Lugo rexistrou o maior apoio porcentual (50,35%) ao Partido Popular.

Comparte éste artículo
No hay comentarios