A revolución mineira asturiana do 34 salta do cómic ás táboas do Salón Teatro con Camiño Escena Norte

Este domingo 18 de outubro, o Saltón Teatro acollerá, ás 18:00 horas, a representación de La balada del norte, da compañía asturiana Saltantes Teatro. As entradas, desde 6 euros, están á venda a través de Ataquilla.

Adaptada e dirixida por Luis Alija a partir dos catro tomos da novela gráfica de Alfonso Zapico (Premio Nacional do Cómic 2012 por Dublinés), a obra traslada ao escenario unha epopea coral sobre a Revolución de outubro de 1934 nas concas mineiras asturianas. Oito intérpretes encarnan máis de cen personaxes e percorren máis de cincuenta localizacións grazas a unha escenografía de módulos móbiles. A música en directo, a cargo de David Varela, e un espazo sonoro xerado case na súa totalidade en escena polo propio elenco envolven unha montaxe de 120 minutos que aborda o conflito social, o amor, a perda e a memoria colectiva a través do destino cruzado dos seus protagonistas. 

Sinopse La balada del norte

La balada del norte recrea os tempos convulsos de grandes desigualdades da Revolución asturiana do 34. O protagonista, Tristán Valdivia, un xornalista sen xornal, abandona Madrid en 1933 para regresar ao norte, onde o espera o seu pai, o marqués de Montecorvo. En medio do ruído das minas de carbón e da negrura dos vales asturianos, xorden personaxes luminosos mentres os vellos e os novos tempos chocan frontalmente. Coa folga xeral revolucionaria, a dinamita mineira, o fracaso da Revolución e a posterior represión, Tristán une o seu destino ao dos perdedores da Historia. A montaxe retrata a fuxida polas montañas de Asturias nun frío inverno de derrota, nunha historia que evoca a casa en ruínas e o fogar baleirado pola Guerra Civil española de 1936.

Camiño Escena Norte

CEN é unha iniciativa promovida polas propias asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), Escena (Euskadi), ESNA (Navarra) e AEscena (A Rioxa). O programa mostra, desde a súa creación, parte da mellor produción escénica profesional dos seis territorios, con múltiples linguaxes, disciplinas e propostas estéticas que abranguen teatro, monicreques, ilusionismo, danza e artes do movemento e circo contemporáneo. 

Camiño Escena Norte conta co apoio económico da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da Deputación de Lugo; xunto ao Gobierno del Principado de Asturias, Gobierno de Cantabria e Gobierno Vasco; as deputacións forais de Araba, Bizkaia e Gipuzkoa; o Gobierno de Navarra, o Gobierno de La Rioja e o Ministerio de Cultura. Vegalsa-Eroski mantense como patrocinador oficial.

AXENDA DE CAMIÑO ESCENA NORTE EN SANTIAGO DE COMPOSTELA

18.10.2026, 18:00 h | Salón Teatro

La balada del norte, de Saltantes Teatro (Asturias) 

Teatro · Público adulto (a partir de 16 anos) · 120 minutos

Venda de entradas (desde 6€): Ataquilla

Comparte éste artículo
No hay comentarios