A sala máis grande dos cines Tamberlick de Vigo encheuse este venres para render homenaxe ao actor e especialista vigués Luis Bar Boo coa estrea en Galicia do documental Bar Boo. O filme aterrou na cidade olívica tras a súa presentación no prestixioso Festival de Sitges o pasado 10 de outubro.
A proxección puxo o broche de ouro a dous anos de investigación e gravacións nados dunha pregunta fundamental: «Como é posíbel que un actor e especialista con máis de 200 películas e que traballou cos máis famosos actores e directores de Hollywood e España non sexa coñecido na súa propia cidade?». Con este documental, o equipo busca emendar esa débeda histórica e facerlle xustiza na súa propia terra.
A relevancia do personaxe contrasta aínda máis coa das súas orixes familiares. Luis Bar Boo foi fillo de Pepe Bar, un dos fundadores do Celta de Vigo, e irmán de Xosé Bar Boo, o recoñecido arquitecto. Mentres que Pepe conta cunha escultura nas inmediacións do estadio de Balaídos e Xosé cunha rúa e unha placa na cidade, a pregunta queda agora no aire: Teremos algún día nas nosas rúas unha homenaxe o vigués que morreu a mans de Clint Eastwood e que converteu a Conan nun bárbaro?
O pase do documental contou coa participación do seu director, Josiño Araújo; o montador e director de fotografía, Rubén Di Groovie; o compositor, Xavier Bertolo; e a produtora, Miriam P. Álvarez. Tras este emotivo reencontro co público vigués, entre o que se atopaba gran parte da familia Bar, o documental inicia agora o seu percorrido por festivais, onde o equipo pretende facer chegar a figura e o legado deste actor descoñecido a unha maior audiencia.
Esta cita encuadrouse dentro das actividades do GFFF Expanded, a sección especial do Galician Freaky Film Festival coa que o certame vigués de cine freak e fantástico mantén vivo o evento durante todo o ano mediante proxeccións e actividades especiais. Cómpre destacar que o propio festival conta xa desde hai dous anos co Premio «Luis Bar Boo», un galardón que se entrega anualmente para recoñecer a actores de reparto e especialistas que destacan polo seu labor neste sector do cine.