O Lugo afianza o liderado dobregando ao Fabril (3-0)

O Lugo volveu mostrar a súa fortaleza e prolonga por segunda semana o liderado logrado ao remate da pasada xornada. A súa vítima foi o Fabril, que foi castigado polo conxunto de Borja Fernández, pero tamén polos seus propios erros. Hugo, que minutos antes había realizado un rechace espectacular, foi o responsable do primeiro gol do Lugo, ao errar nun control e ver como Chiqui lle roubaba a pelota para batelo desde lonxe. No segundo tempo, tras ver como Dauda non era quen de anotar en situacións de vantaxe, foi substituído por Godoy, que fixo o 2-0 na primeira que tivo. Pere Haro fechou a conta na derradeira xogada. Noé, que marchou con molestias, e Manu Ferreiro estreáronse co Fabril nesta temporada.

Hugo, o mellor e o peor

O Lugo dominou desde o comezo do partido. O seu fútbol por banda, sobre todo cando participaban Lucero e Palma, crearon dúbidas á defensa fabrilista. Malia todo, quen primeiro puido anotar foi o conxunto herculino. Aos seis minutos, un roubo en banda de Rubén a Lucero continuou co centro do de Silleda, que cabeceou Martín Ochoa a rentes do pau.
O Lugo volveu crear situacións de incertezas nas proximidades da área defendida por Hugo. No minuto vinte, Dauda non golpeou ben o balón para rematar dentro da área outro centro de Palma.
Na media hora o ataque do Lugo volveu á súa lóxica. Palma foi superior no lateral da área a Kevin, centrou desde o fondo a Dauda, pero Gallar chegou antes e con máis forza para remachar un gol feito, que abortou cun inesperado despexe Hugo. O posterior xute de Ulloa foi desviado por un defensa fabrilista.
Marc Martínez tamén fixo o imposible rexeitando unha cabezada fronte ao marco de Kevin. O centro fora de Martín Ochoa.
Hugo, extraordinario en moitos momentos, cometeu un erro da mesma dimensión aos 39 minutos. Quixo controlar un balón profundo mandado adiante pola defensa do Lugo, realizou unha mala acción técnica, que facilitou o roubo de Chiqui, e o extremo, a distancia, pero coa portería libre, anotou o 1-0.
O Lugo chegou ao descanso tendo o partido onde desexaba.

Un Lugo imparable con espazos

No comezo do segundo tempo o Fabril estivo a piques de empatar atopando buracos na defensa local pola zona de Guerrero. A segunda, logo que o ferrolán recortara a Pere Haro, fechouse cun golpeo cruzado que un defensa salvou coa cabeza sobre a liña, logo que o coiro superara a Marc Martínez.
Tamén o Lugo puido sentenciar no minuto 52 cando buscou o recurso da velocidade de Dauda. O atacante local, condicionado por Seco, botou fóra un remate fácil.
Tamén puido anotar catro minutos despois, cando fixo un bo control a centro de Gallar. Presionado por Quique, volveu mandar a pelota por fóra diante de Hugo. A continuación, o meta fíxose grande nunha acción de Chiqui. O extremo esquivou a Mardones con facilidade, xutou cruzado e Hugo sacou a man. Kevin completou, mais o gol foi invalidado por estar en fóra de xogo.
O de Dauda non tiña lóxica. Despois de roubar un mal pase atrás do Fabril, marchou en carreira de Quique, chantouse diante de Hugo e botou a pelota alta.
Dauda foi substituído e Godoy e o ex da canteira do Barcelona non tivo problemas para acertar na primeira que tivo, nunha contra, colocando na rede con calidade o man a man ante Hugo logo do pase de Kevin.
San José, que non dubidara en disparar nada máis entrar ao xogo, volveu facelo no mnuto 83 desde a frontal. No caso, o coiro marchou alto. O Fabril xa xogaba á desesperada tentando reducir a distancia.
No derradeiro minuto, Berzal dividiu desde a media lúa e abriu a pelota á dereita para Kevin. Ao centro do ex da Leonesa non chegou o propio Berzal, pero si Pere Haro, que no segundo pau anotou o definitivo 3-0. Acto seguido, o colexiado sinalou o remate do derbi.

Ficha

SÁBADO 17/10/2026 (16,30) Campo: ÁNGEL CARRO (3.262)
C.D. LUGO : 3 – R.C.D. FABRIL : 0 (1‑0)

LUG : Marc Martínez; Lucero, Kike, Pol Moreno, Pere Haro; Palma (Berzal 70’), Parrilla, Gallar (Kevin 62’), Ulloa (Perera 81’), Chiqui (Simón 81’); Dauda (Godoy 70’); Tre. Borja Fernández. (Banco: Embadje (g); Candal (g); Achore; Hugo Pascual: Mateo; Morchiladze).
FAB : Hugo; Quique, Seco (San José 61’), Samu, Xabi Campos; Yayo (Álvaro 61’), Noé (Mardones 61’), Rubén; Guerrero (Manu Ferreiro 83’), Kevin, Martín Ochoa (David Domínguez 83’). Tre, Manuel Pablo. (Banco: Leiva (g); Vergara; Iker Vidal; Estévez; Mauro; Justino; Iker Gil).
Goles: 1-0 Chiqui 39’; 2-0 Godoy 77’; 3-0 Pere Haro 90’.
Árbitro: Juncal Moreira (Galiza-Pontevedra). Auxiliares: De la Hoya Rocandio e Rodrigo Gonzalo. 4º árb.: Cardoso Rodríguez.
Disciplina: CA: Yayo 2’; Ulloa 26’; Seco 27’; Kevin 37’; Gallar 56’; Quique 73’; Pol Moreno 79’; Pere Haro 85’.

Comparte éste artículo
No hay comentarios