O Bergantiños Feminino logrou a primeira vitoria da temporada ao derrotar ao Tomiño, último da táboa, nun partido que se resolveu ao final con goles de Naia e Rebeca, os primeiros que ambas anotaban nesta temporada. A ex do Tordoia foi desequilibrante cando saíu tras o descanso. Ademais de fechar o partido nas beiras do prolongamento, provocou a expulsión de Pau para que o seu equipo dispuxera dunha xogadora máis no último terzo do xogo.
Sen dominador
Bergantiños e Tomiño non coñecían a vitoria no que vai de campionato e afrontaban un partido aberto, con favoritismo local. O cadro de Carballo foi quen tomou a iniciativa, achegándose varias veces á porta do cadro do Baixo Miño, sen crearlle moitas dificultades a Peti. A mellor, no minuto 17, nunha acción de Julia, pola esquerda do ataque, que non atinou no xute cruzado ao ver a saída da meta visitante.
O Tomiño conseguiu axiña equilibrar o dominio inicial das locais, que volveron ter ocasión por medio de Julia aos 27 minutos. A atacante encarnada puido disparar na área logo dunha xogada elaborada que partiu dun saque de esquina. O seu lanzamento foi por riba do traveseiro.
Catro minutos máis tarde respondeu Ainara cunha volea que non puxo en perigo a meta de Paola pola altura á que saíu o disparo.
O Bergantiños experimentou unha nova posibilidade sorprendendo ao Tomiño cunha contra de Tojo pola dereita. A extremo correu un terzo do campo presionada por Lucía Otero e o seu golpeo, procurando a base do primeiro pau, foi chapado por Peti.
Paola estivo brillante ao desbaratar un man a man ante Tami. A atacante tomiñesa, desmarcada na área, recibira un pase diagonal de Mini, pero non deu superado á meta local co seu disparo cruzado.
Na parte final do período, co Tomiño máis estirado, Marta probou cun disparo en condución que chegou brando ás luvas de Paola.
Unha expulsión e dous goles ao final
O segundo tempo foi de dominio do Bergantiños. O Tomiño perdeu o sitio en varias accións, pero o cadro local non tivo unha ocasión clara até o minuto 57, cando un centro de Mini foi rematado de cabeza por Rebeca, que saíra logo do descanso. A pelota pasou a rentes do pau. A resposta deuna Marta de xeito inmediato, conseguiu abrir ángulo de tiro sobre a súa marcador, pero Paola esperaba no primeiro pau para desviar a córner.
Rebeca tivo a máis clara das locais nunha contra polo centro. Soportou a agarrada de Andrea, recurtouna malia o empurrón, pero Peti aguantou até o último instante e adiviñou a dirección do disparo, rexeitando a pelota no minuto 72.
A ex do Tordoia seguiu creando problemas á defensa visitante e nun balón en banda, con espazo, foise de Pau, que debeu agarrala para evitar a súa fuga. García Mosquera mostroulle a segunda amarela e o Tomiño ficou con dez.
Malia estar cunha menos, o Tomiño non renunciou á vitoria. No minuto 86, Tami correu a un balón dividido ao que tamén correu Paola. A meta chegou un chisco antes e foi golpeada pola bota da visitante. O árbitro mostrou o oitavo amarelo co que o partido entraba na historia da Terceira Federación galega ao ser no que máis cartóns foron amosados. Logo aínda vería Rebeca o noveno.
Co partido aberto, o Bergantiños gañou un saque de esquina pola esquerda de Peti. O lanzamento, en curto, acabou nos pés de Rebeca. Peti rexeitou o xute na área, pero Naia, na frontal da área pequena puido xutar con potencia e salvar as pernas das rivais para anotar o primeiro gol do encontro.
Co Tomiño lanzado no prolongamento, o Bergantiños sentenciou á contra cunha carreira veloz de Yara, que desde a dereita viu a soidade de Rebeca, na frontal, que tras recibir, tivo tempo de colocar o xute lonxe da estirada de Peti.
O Bergantiños logrou o primeiro triunfo da campaña, que o afasta das últimas posicions nas que fica o Tomiño, que aínda non conseguiu sumar e que en días pasados deu a baixa ao técnico, Jacobo González.
Ficha
DOMINGO 18/10/2026 (12,00) Campo: AS EIROAS (100)
BERGANTIÑOS F.C. : 2 ‑ TOMIÑO F.C. : 0 (0‑0)
BER :Paola; Zaida (Yara 84’), Ale, Alba Garabal, Inés; Mini, Claudia, Naia; Tojo, Sara Pérez (Rebeca D), Julia (Carmen 67’). Tre. Cruz Sánchez. (Banco: Andrea Amil (g); Andrea Lamas; Laura Caamaño; Ana).
TOM : Peti; Andrea, Pau, Inés (Moni 66’), Lucía Otero (Lucía Martínez 89’); Tami, Mini, Ainara, Marta, Noa (Saray 85’); Leylen. Tre. Bruno. (Banco: Valeria; Lucía Martínez).
Goles: 1-0 Naia 88’; 2-0 Rebeca 90’.
Árbitro: García Mosquera (Galiza-A Coruña). Auxiliares: García Rodríguez e Golas Rodríguez.
Disciplina: CA: Mini (B) 41’, Claudia 53’; Mini (T) 62’; Inés (B) 72’; Leylen 78’; Tami 86’; Rebeca 89’ // DA: Pau 50’ e 76’.
Foto: A tomiñesa Inés, que marcharía lesionada, atenta ao balón ante o desmarque de Sara Pérez. © 21noticias.com