Estivada, novo parque eólico paralizado pola Sección Terceira do TSXG

O Tribunal galego desmonta así os bulos da Xunta e da patronal eólica sobre o desbloqueo do sector.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) dá novamente a razón a ADEGA e acorda a paralización cautelar do proxecto eólico Estivada, promovido por Green Capital Power nos concellos de Agolada e Antas de Ulla.

Trátase da terceira paralización cautelar por riscos ambientais adoptada, a instancias de ADEGA, pola sección 3ª da Sala do Contencioso-Administrativo após o traslado forzoso dos maxistrados Luís Villares e Dolores López á sección 4ª e despois de que a Xunta atribuíse a parálise do sector á súa suposta parcialidade.

A nova composición da sección 3ª acolle de novo unha solicitude de paralización cautelar de ADEGA (tras as dos proxectos Pena do Pico e Fial das Corzas), ao considerar que no caso do parque eólico Estivada «constan indicios racionais de posíbel dano ambiental no informe teìcnico achegado pola actora« e que «as afeccións ambientais identificadas abarcan un grave impacto sobre a conectividade ecoloìxica e a biodiversidade da zona».

Malia a unha DIA favorábel e aos argumentos achegados polas denunciadas (Xunta e empresa), o Alto Tribunal galego considera que «non logran neutralizar a incerteza sobre o posíbel dano ambiental, polo que, [], o principio de precaucioìn de raigame comunitaria impón priorizar a salvagarda provisional do substrato ecoloìxico persistente». Para a Sala, este principio «esixe actuar antes de que unha eventual Sentenza estimatoria quede reducida a papel mollado pola consumacioìn de feitos irreparábeis».O P.E. Estivada foi autorizado en 2023 no centro xeográfico da Galiza, en concreto, nos concellos de Agolada e Antas de Ulla. Prevé colocar 8 aeroxeradores de 200 m de altura en montes próximos á Serra do Careón, espazo da Rede Natura e na súa área de ampliación. Existen importantes déficits na avaliación dos seus impactos sobre a biota e ignora a presenza de taxóns ameazados como as rapiñas esteparias, nidificantes en zonas próximas.
Constitúe tamén unha posíbel fragmentación artificiosa co P.E. Zamorra promovido pola mesma empresa e suspendido en 2025 polo TSXG a instancias de ADEGA. Ambos polígonos eólicos abeiran sospeitosamente dous espazos da RN2000 e as súas áreas de ampliación, e conforman en conxunto unha auténtica barreira para a avifauna entre os dous espazos naturais protexidos.

O TSXG desmonta os bulos da Xunta e a patronal eólica sobre o desbloqueo do sector

Logo das recentes resolucións do TSXG nas que valida a autorización de diversos parques xudicializados (Bustelo, Couto Muíño, Couto da Mina e Treboada) por diversos motivos alleos á cuestión ambiental, Xunta e patronal eólica felicitáronse polo «desbloqueo» do sector. Porén, o agumento central das tres últimas cautelares concedidas a ADEGA para os parques de Estivada, Fial das Corzas e Pena do Pico apunta aos graves déficits das autorizacións ambientais concedidas pola Xunta.

Agora é de novo a Sección 3ª do TSXG, despois da polémica remuda dos maxistrados Luís Villares e Dolores López sinalados pola Xunta como causantes do «parón eólico», a que coa paralización do P.E Estivada volve sinalar a chafalleira tramitación administrativa da Xunta. Fica así demostrado que o actual caos eólico non se debe nin ás decisións xudiciais nin á actuación do ecoloxismo: é froito dunha planificación caduca e da incompetencia dunha administración máis preocupada polos beneficios das eléctricas que polo interese público.

E a suposta inseguridade xurídica que a Xunta atribuíu ás decisións xudiciais de paralización de numerosos parques, habería que buscala mellor no caos normativo creado polo PP: a lei eólica vixente (8/2009) aprobada no primeiro ano de Feijóo na Xunta, acumula nesta altura máis modificacións que artigos: foron 105 cambios a través de 14 leis consecutivas. Todo un exemplo de «seguridade xurídica».

Esta nova resolución pon tamén de manifesto a urxente necesidade dunha nova planificación do sector baseada en criterios de sustentabilidade ambiental e xustiza social. Como sinalou a Sala no seu Auto, «o desenvolvemento industrial non está validado legalmente se pode menoscabar elementos do medio ambiente susceptíbeis de protección. Por tanto, ninguna norma autonómica ou estatal [] pode autorizar unha industria se ésta é susceptíbel de menoscabar ou degradar de maneira desprotexida un elemento do ecosistema preexistente. O interés público superior radica en salvagardar a contorna natural«.

Esta nova vitoria nos tribunais foi posíbel grazas ás achegas da veciñanza e de persoas comprometidas co medio ambiente a través da campaña de micromecenado #TiPodesParalos, pola que se conseguiu reunir os fondos necesarios para afrontar os custos deste proceso xudicial. A todas, moitas grazas!

Comparte éste artículo
No hay comentarios