O Ineltrón Santo Domingo rozou a sorpresa en Salamanca

Nun encontro aberto, os betanceiros perden por 101-97 en Carbajosa.

As cousas non comezaron ben, cun arranque de 12-3 para os locais e coa terceira falta de Randolph e Ríos cando aínda non ben comezara o segundo cuarto, pero o Santo Domingo Betanzos soubo sobrepoñerse ás dificultades (e a un contundente 50 a 29 en rebotes) e disputar un partido que a falta de trinta segundos, cun 99-96, ofrecía tres tiros libres aos visitantes. Lamentablemente só se conseguiu anotar un dos lanzamentos dende o 4.80 e a falta de 15 segundos os de Carbajosa lograban a canastra definitiva para deixar o 101-97 final.

Extraordinario partido do júnior Arón Espiñeira (25 puntos, cun 5/8 en triplas e seis rebotes para un 30 de valoración, o que o leva a estar entre os cinco mellores da xornada do grupo AB), grande acerto dende o tiro libre para o U-22 Nicolás Lagares (9/10 para 15 puntos totais e un total de 19 de valoración) e bos números de Rozas (12 puntos) e dun Randolph (15) que soubo soprepoñerse a un mal primeiro tempo e sumar nos momentos máis oportunos.

Así valoraba o encontro José Armando Pena “Soviético” a piques de iniciar unha viaxe de regreso a Betanzos que rematou na madrugada do domingo: “Partido igualado ata o último minuto. Gran traballo de todos os xogadores. O equipo de Carbajosa castigounos moito no rebote ofensivo, o que lles permitiu tirar ata dúas ou tres veces en cada posesión. A pesar da derrota, levamos un bo sabor de boca para afrontar os seguintes partidos”.

O conxunto betanceiro descende así ao 9o posto da competición ás portas dese derby que o ha medir ao Traumacor Culleredo o vindeiro domingo na casa.

Xornada irregular para o resto do club

Polo demais, o resto da xornada do Santo Domingo Betanzos ofreceu resultados dispares. Gañaron as infantís de Warnier no seu partido de primeira división contra Culleredo (65-61), as cadetes de Decornaveira fronte a Arteixo (31-77), os sénior de La Goleta contra Oleiros (70-59) e os júnior diante de Compañía de María (78-43). Perderon en troques os cadetes de J. Caamaño Arquitecto no seu partido de Primeira contra Estudiantes de Lugo, malia ir por diante no marcador ao límite do 3Q (67-88), os infantís masculino contra Maristas (75-29), as júnior feminino contra Laracha (47-40), o sénior de Segunda Autonómica contra Basquet Coruña (94-52) e o sénior feminino fronte a Los Rosales (35-57).

Comparte éste artículo
No hay comentarios