A Plataforma Sanitaria da Mariña volveu dar este mércores un rotundo grito de alarma ante o acelerado e insostíbel deterioro da sanidade pública na comarca. O colectivo advirte de que a crise asistencial vai moito máis aló da xa crónica falta de persoal: estase a producir unha profunda e perigosa degradación da calidade asistencial, xerando un fondísimo sentimento de desamparo tanto entre os pacientes como entre os profesionais, hoxe ao límite das súas capacidades.
A coordinadora da plataforma, Montse Porteiro, foi taxativa ao avaliar a situación: «Non estamos a falar unicamente dun problema de déficit de persoal ou de listas de agarda inasumibles; estamos diante dunha perda progresiva e moi perigosa da calidade asistencial. A poboación percibe que a atención xa non é a que era e os profesionais non dan máis de si. A frustración é xeral e a sensación de abandono na Mariña é total».
Caos na pediatría e déficit crónico en primaria e matronas
A situación na atención primaria cualifícase desde o colectivo de «completamente caótica», golpeando con crueldade engadida aos sectores máis vulnerables:
- Pediatría baixo mínimos: A praza de pediatría de Foz, Alfoz e Valadouro cóbrese de xeito testemuñal cun profesional a tempo parcial algúns días soltos. Pola súa banda, grandes núcleos como Burela e Viveiro —este último con carencias dende o ano 2019— operan co 50% da súa dotación real.
- Déficit alarmante de matronas: Cun censo superior a 31.000 mulleres maiores de quince anos na comarca, e aplicando a ratio recomendada dunha especialista por cada 4.000 mulleres, a Mariña precisaría polo menos oito matronas en primaria. Na actualidade, o distrito sanitario conta tan só con tres, evidenciando un recorte insostíbel na atención integral á saúde da muller.
- Médicos de familia colapsados: Con demoras que superan habitualmente os vinte días, concellos como Mondoñedo, Barreiros, Trabada, Valadouro, Ourol ou O Vicedo arrastran deficiencias crónicas. No caso de O Vicedo, os veciños acumulan xa case tres anos de loita ininterrompida pola cobertura médica total sen obter ningunha solución.
A plataforma tamén puxo o foco na infrautilización dos ximnasios de rehabilitación, que funcionan ao 50% de capacidade en varios centros de saúde, mentres a Xerencia escudase na suposta falta de espazo para crear unha unidade de fisioterapia en Burela, negando unha prestación básica á veciñanza.
Desmantelamento progresivo do Hospital da Mariña
Pola súa banda, Adolfo Corral Calviño, en representación do colectivo, denunciou unha «vontade intencionada de desmantelamento» do centro hospitalario comarcal desde a supresión da área sanitaria propia en 2018. Esta decisión centralizadora traduciuse nunha merma constante de servizos, obrigando aos pacientes a desprazarse a máis de cen quilómetros e perdendo o vínculo cos profesionais de referencia.
Entre os episodios máis graves recentes, a plataforma destaca:
- Paralización cirúrxica e peche de camas: O peche de 36 camas no verán e as derivacións constantes cara ao HULA ou centros privados de Lugo e Ferrol estrangulan a sanidade pública local.
- Sen servizo de medicina preventiva: O hospital leva desde o pasado mes sen ningún facultativo nesta área tan crítica para garantir a salubriedade, a bioseguridade nos quirófanos e a protección dos propios sanitarios.
- Otorrinolaringoloxía sen cubrir: A ausencia prolongada dun dos tres especialistas do servizo deixa a numerosos pacientes sen ningunha atención nin garantía asistencial, nunha situación de evidente desigualdade.
Saúde Mental e HADO: os grandes esquecidos
A vertente asistencial máis especializada tamén sofre unha fenda crítica. Carlos Fernández Fraga, médico xubilado e membro da plataforma, alertou de que a Hospitalización a Domicilio (HADO) conta cun único médico para todo o distrito, o que obriga a suspender o servizo na maioría dos concellos e a restrinxilo exclusivamente a Foz, Burela, Cervo e Xove, regresando aos niveis operativos de hai máis dunha década. «Para a Consellería de Sanidade non debe ser importante porque non utiliza robots de última xeración, senón a empatía e o bo facer do persoal cunha poboación vulnerábel», criticou.
No eido da Saúde Mental, a crise está cronificada con esperas medias de sete meses para acceder a psiquiatras ou psicólogos clínicos. A dotación de apenas dous profesionais na unidade comarcal está a anos luz da ratio europea recomendada (18 psicólogos por cada 100.000 habitantes), o que fomenta unha alarmante hipermedicalización dos pacientes. A isto súmase a carencia dun hospital de día infantoxuvenil e dunha unidade específica de prevención do suicidio na comarca.
Ante este panorama, a plataforma interpela directamente aos representantes políticos e cargos institucionais como o senador popular Balseiro: «¿Son estes os máis e mellores servizos que prometían tras eliminar a área sanitaria?», sentencian, advertindo de que a comarca xa superou o punto crítico no que os parches temporais poden soster un sistema público en clara inzolución.