A Federación de Servizos de CCOO valora moi positivamente o acordo histórico logrando este luns na mesa de negociación do convenio colectivo de hostalaría da provincia da Coruña. O novo texto, froito do consenso unánime entre as organizacións patronais e a representación sindical (CCOO, CIG e UGT), achega un necesario marco de estabilidade para o sector e introduce importantes melloras salariais, organizativas e de dereitos laborais para miles de traballadores e traballadoras.
Para o sindicato, este paso á fronte resulta clave para dignificar un sector castigado pola precariedad, destacando especialmente a recuperación dunha auténtica rede de seguridade económica e a modernización na organización dos tempos de traballo.
Incrementos salariais e garantía contra a inflación
Un dos grandes logros do texto é a introdución dunha cláusula de revisión salarial vinculada ao IPC real e sen límite máximo, un mecanismo fundamental para garantir que os traballadores non perdan poder adquisitivo nos vindeiros anos.
No referente aos incrementos directos, o calendario pactado recolle as seguintes subas:
- 2026: 3% de incremento.
- 2027: 3,5%.
- 2028: 3%.
- 2029: 3,25%.
Ademais deste incremento anual, o acordo recolle medidas económicas inmediatas: na nómina deste mesmo mes de outubro de 2026 aboarase unha paga extraordinaria lineal de 500 euros. Pola súa banda, os atrasos correspondentes ao conxunto do ano 2026 liquidaranse coa nómina de decembro, unha vez se coñeza o IPC definitivo do exercicio para axustar con precisión as cantidades.
Novos dereitos, pluses e inclusión das VUT
O convenio tamén mellora de xeito substancial o paquete de compensacións e condicións materiais:
- Plus de transporte: Créase un novo complemento mensual de 30 euros que comezará a aplicarse de xeito efectivo desde o 1 de outubro de 2026.
- Regulación das VUT: O ámbito funcional do convenio amplíase formalmente para incluír as vivendas de uso turístico (VUT), ás cales se lles aplicarán por defecto as táboas salariais correspondentes aos establecementos hostaleiros de tres estrelas, poñendo fin a posibles bucles de alegalidade laboral.
- Conciliación e horarios: Establécese a obriga empresarial de publicar os calendarios e cadros de horarios semanais cunha antelación mínima de 15 días, un avance moi demandado para facilitar a planificación da vida persoal e familiar no seo dun sector caracterizado pola temporalidade e a improvisación.
- Melloras sociais e cesamentos: Manteńense os complementos por incapacidade temporal (IT) —salvo excepcións puntuais en contratos temporais por enfermidade común— e redúcese de 20 a 15 días o prazo de preaviso esixido para os cesamentos voluntarios dos traballadores.
Con este marco, os sindicatos pecha nun acordo que blinda dereitos básicos e achega previsibilidade a un sector estratéxico para a economía da provincia da Coruña.