O vindeiro 11 de novembro, a clase traballadora volverá amosar o seu músculo a través dunha das súas ferramentas máis contundentes: a folga xeral. A Confederación Nacional do Traballo (CNT) e o resto dos sindicatos chaman a un paro de 24 horas en todos os sectores para loitar contra o parasitismo do rentismo e os salarios raquíticos que abocan as clases populares a unha vida de sometemento e explotación.
A situación da vivenda en España foi a faísca que prendeu toda unha fogueira. Nin sequera un Goberno pretendidamente de esquerdas foi quen en oito anos de mellorar e protexer a vida da maioría social. Ás folgas en sectores como a educación e a sanidade, agora súmase o colectivo de vivenda, cada vez máis organizado e concienciado dos culpables da súa miseria. Todos os golpes que recibe a clase traballadora parten do mesmo lugar: un empresariado obcecado en espremer ao máximo os seus empregados e empregadas que non dubida en recorrer aos elementos máis reaccionarios da sociedade para defender o capital.
Vémolo todos os días. Mentres a Policía se abraza coa ultradereita e o Exército tortura migrantes en Ceuta, grupos neonazis medran ao abeiro dunha apatía e dun entusiasmo nulo que se estenden entre algunhas persoas das xeracións máis novas. Todos eles esfórzanse día e noite por arrebatar calquera indicio de avance en materia antirracista, feminista e antifascista.
Como recalca a secretaria xeral de CNT a nivel estatal, Nieves Román, «na CNT entendemos que a vivenda é un dereito e non unha mercadoría». «Non podemos aceptar que as necesidades básicas da cidadanía estean subordinadas ao beneficio económico de grandes propietarios, fondos de investimento, empresas inmobiliarias ou intereses especulativos», engade.