Alfonso Rueda, Miguel Tellado e Diego Calvo na I Xuntanza Anual do PP de Teo

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, comprometeuse hoxe a ir a Teo ao longo desta lexislatura para facer realidade os proxectos que o Goberno galego ten en marcha neste concello con «moitísimo futuro». «Imos facer moito no que queda destes catro anos», subliñou.

Rueda participou na I Xuntanza Anual do Partido Popular de Teo, na que exerceu como anfitrioa a alcaldesa e presidenta do PP local, Lucía Calvo, e na que participaron preto de 600 persoas.

«A diferenza entre un concello que durmía e un concello que espertou e vai a por todas chámase Lucía Calvo», salientou sobre a rexedora, e asegurou que «desde hai dous anos, en Teo respírase outro ambiente».

Así, o líder dos populares galegos sinalou que este municipio «necesitaba un revulsivo para saír desa parálise na que estaba e necesitaba unha persoa que lle puxera as pilas a todo o mundo e que dixera que as oportunidades que estaban aproveitando noutros sitios, aquí había que aproveitalas tamén».

Neste sentido, destacou tamén de Lucía Calvo que é «unha persoa que non acepta un non por resposta, insistente e firme á hora de esixir o que faga falta»: «O único que quere é protagonismo para o concello que goberna».

Entre os proxectos, Rueda mencionou o avance para completar a autovía entre Santiago e A Estrada (AG-59), que beneficiará directamente aos veciños de Teo.

DIEGO CALVO: «EN TEO QUEREMOS MÁIS PP E MÁIS LUCÍA»

Pola súa banda, o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, felicitou á agrupación local e a Lucía Calvo pola iniciativa desta xuntanza, un tipo de encontros que «dan forza» para seguir co proxecto que os populares puxeron en marcha hai dous anos. «Un proxecto de estabilidade e de seriedade no seo do goberno local, pensado só para servir aos veciños de Teo e para conseguir que Teo teña todo aquilo que necesita», subliñou.

Calvo abundou en que agora este concello está «apartado de liortas de tripartitos formados por todo o que os galegos levamos anos dicindo que non queremos: nin BNG, nin PSOE, nin mareas». «Por iso, aquí en Teo queremos máis PP e máis Lucía, un grande exemplo por moitas cousas e todas boas», concluíu.

MIGUEL TELLADO: «O PSOE É O PARTIDO DOS PEORES GOBERNOS»

Pola súa banda, o portavoz do PP no Congreso dos Deputados, Miguel Tellado, acusou ao Goberno de Sánchez de non ter principios por sentar a Bildu na Moncloa. Segundo denunciou, o Executivo «sen principios» de Sánchez borrou os delitos de malversación e sedición e «normalizou» aos herdeiros de ETA.

«Esta semana tivemos que ver unha imaxe tremendamente lamentable: como a portavoz de Bildu accedía ao Palacio da Moncloa para pactar non se sabe que co Goberno de Pedro Sánchez», censurou, á vez que afirmou que o PSOE é hoxe «o partido da corrupción, dos peores gobernos, do enchufismo e do amiguismo, e de tanta hipocrisía».

Comparte éste artículo
No hay comentarios