Arias e Varela destacan “o reforzo dos servizos públicos” nos Orzamentos da Xunta e o incremento do apoio ao rural, á dependencia, ao saneamento e ás estradas

A partida económica concreta para o acceso ao Porto Seco -500.000 euros dun total plurianual de 4,5M€- “demostra que o Goberno galego segue interesado en desbloquear e executar a obra, bloqueada por ADIF e a Confederación Hidrográfica dende que Tomé é alcalde”.

 Os Orzamentos do Goberno galego para o vindeiro 2027 caracterízanse por “unha forte aposta polo gasto social” co incremento de máis dun 7% para sanidade, educación e política social que ten como obxectivo “reforzar os servizos públicos” e “dar cumprimento aos compromisos acadados para a suba dos salarios de profesionais médicos e o incremento de prazas en Atención Primaria e en Educación, así coma o incremento da achega da Administración autonómica para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

Así o destacan as deputadas polo Partido Popular da zona sur da provincia de Lugo no Parlamento de Galicia, Raquel Arias e Katy Varela que poñen en valor “a estabilidade do Goberno de Rueda que presenta o documento básico para a xestión da nosa Comunidade Autónoma en tempo e forma”, mentres que “o Goberno de Sánchez leva 3 anos sen presentar sequera un proxecto de Presupostos, un claro indicativo da súa debilidade parlamentaria coa que fixo agonizar aos españois durante todo este tempo”. Nese sentido, defenden a convocatoria de eleccións xerais que supoñen unha oportunidade para “cambiar o futuro de España”.

As deputadas populares lembran que “o Goberno galego dirixe cos seus Orzamentos para o 2027 un 5,4% máis á provincia en investimentos directos que na pasada anualidade” e, ademais, “aplica reducións fiscais -IRPF, Actos Xurídicos Documentados e Sucesións- co obxectivo de diminuír as cargas a familias e empresas ante a suba dos custes”.

Raquel Arias, portavoz de Política Social do Grupo Popular, subliña “a aposta da Xunta pola gratuidade nas escolas infantís e na Educación en todas as etapas, o incremento en preto de 66M€ en bonos de dependencia na provincia e a suba do prezo da hora do SAF”. E engade que “o novo plan 260 prazas residenciais, a metade na nosa comarca. Concretamente, no Saviñao e Folgoso do Courel”.

INVESTIMENTOS DIRECTOS E INCREMENTO EN EIDOS ESTRATÉXICOS

A Xunta contempla unha partida económica específica de 800.000 euros para avanzar nas obras do Plan director do Hospital Comarcal de Monforte. E 500.000 euros para a redacción do proxecto do novo centro de saúde de Pantón onde tamén está previsto actuar en materia de saneamento con 850.000 euros. A Xunta prevé máis investimento en materia de augas dirixido, entre outras actuacións, a facer fronte a episodios de seca ou inundacións.

O apoio ao rural cobra peso co incremento dun 29% de orzamento para a provincia. Dóbranse as partidas para procesos de reestruturación parcelaria e mellora de camiños e infraestruturas rurais e tamén para a prevención e loita contra incendios. Concretamente, prevense actuacións na base de Doade (Sober) con 2M€.

E, para actuar nas zonas afectadas polos incendios no verán do 2025 -Plan Restaura-, a Xunta contempla arredor de 2M€ dun total de 5,5M€ ata o 2028. Na provincia de Lugo prevese actuar en tres zonas da Rede Natura 2000, entre elas nos Canons do Sil.

Sube en máis dun 8% a colaboración da Xunta cos Concellos para executar as actuacións que decidan dende os gobernos municipais. E tamén se contemplan actuacións de promoción, catalogación e inventario do patrimonio cultural da Ribeira Sacra.

As populares subliñan o incremento en 2,7M€ a partida conservación e reforzo firme estradas autonómicas na provincia, “mentres que o Goberno de Sánchez continúa maltratando as estradas nacionais da zona sur”. Concretamente, advirten que “os parches executados na N-120 non solucionan o problema que, moi probablemente, se agravará neste inverno”. O Goberno de Sánchez non escoita as reivindicacións dos veciños nin atende aos acordos adoptados nos Plenos de Concellos e no Parlamento de Galicia reclamando unha actuación urxente nesta vía.

MONFORTE DE LEMOS

A deputada autonómica e portavoz do PP de Monforte, Katy Varela, explica que “o Goberno galego presenta uns Orzamentos para garantir no noso municipio, que é cabeza de comarca, a prestación dos servizos públicos de competencia autonómica no ámbito da saúde, atención social, educación, formación para o emprego e emprendemento, transporte autonómico e atención ao medio rural”.

Varela explica que a Xunta impulsou o ano pasado a reparación da cúpula dos Escolapios e, para o 2027, prevé investir no mosteiro das Clarisas. Tamén se investiron contías millonarias en institutos de Monforte no anterior mandato e potenciouse a Formación Dual na cidade co novo Ciclo de Calzado. E engade que “se seguen executando obras de eficiencia enerxética no xulgado e na nova oficina de emprego, ambas valoradas en máis de 1M€”.

Os Orzamentos da Xunta para 2027 recollen partida económica concreta para o acceso ao Porto Seco -500.000 euros dun total plurianual de 4,5M€- que demostra o compromiso do Goberno galego pola execución desta obra coa que ten amosado recentemente “vontade para desbloquear” toda vez que “leva bloqueada por ADIF e a Confederación Hidrográfica dende que Tomé é alcalde”.

A portavoz popular incide tamén en que “o investimento de preto de 8M€” para a execución das obras de conversión en autovía do tramo do corredor entre Nadela e Sarria “tamén beneficia aos monfortinos e aos veciños da zona sur da provincia que fan uso desta estrada”.

“Tomé é o alcalde de Monforte e, polo tanto, o que dirixe o destino e desenvolvemento da cidade. É a el a quen lle corresponde solicitar investimentos concretos. Dende a oposición podemos mediar, informar e colaborar como fixemos, precisamente, co acceso ao Porto Seco ou con asuntos de entidades veciñais”, conclúe Varela.

Comparte éste artículo
No hay comentarios