EmigraSON volve a Bruxelas o 5 e 6 de marzo tras recibir o Premio da Cultura Galega

O festival, distinguido co Premio da Cultura Galega na categoría de Proxección Exterior e candidato aos Premios PALCO, amplía a súa actividade cultural na capital belga cun ciclo gratuíto de cine galego que conta coa participación de directores e artistas.

Descubre más noticias musicales como ésta

O EmigraSON celebrará a súa quinta edición os días 5 e 6 de marzo de 2027 en Bruxelas. O festival, que naceu en 2023 como unha iniciativa autoxestionada por un grupo de galegos e galegas residentes na capital belga, continúa a medrar e a ampliar a súa programación para achegar a cultura galega á diáspora e ao público internacional. Nas vindeiras semanas, a organización irá anunciando as bandas que viaxarán a Bélxica nesta nova edición.

O anuncio das novas datas chega despois de que o EmigraSON recibise o Premio da Cultura Galega na categoría de Proxección Exterior, outorgado este venres 16 de outubro, polo seu labor de difusión da cultura galega fóra do país. Ademais, o festival está nomeado na categoría de Mellor proxecto de comunicación dos Premios PALCO, organizados pola Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e a Xunta de Galicia, cuxa gala se celebrará o 3 de novembro en Santiago de Compostela.

Na súa cuarta edición, celebrada no inverno de 2026, o EmigraSON reuniu preto de 2.000 persoas nas salas La Madeleine e La Tricoterie, un éxito que a organización aspira a repetir este ano. Ao longo da súa traxectoria, o festival levou a Bruxelas artistas como Tanxugueiras, Baiuca, The Rapants, Fillas de Cassandra, Ortiga e Terbutalina, entre outros nomes destacados da música galega actual.

A quinta edición do festival conta co apoio de institucións como a Xunta de Galicia, o proxecto europeo STORCITO, a Deputación de Pontevedra, o Instituto Cervantes, TurEspaña, a Embaixada de España en Bélgica e a Fundación Galicia Europa. Tamén a patrocinan marcas como Evolta, Deleite, AirEuropa, Liporca, e Aí Falaches. Ademais, renovaron o seu apoio os tres eurodeputados galegos Francisco Millán Mon, Nicolás González Casares e Ana Miranda Paz.

O cine galego tamén se abre paso en Bruxelas

A actividade do EmigraSON vai máis alá das datas do festival. Nestes meses, a organización impulsa o Ciclo de Cine Mestre Mateo 2026, unha programación de balde que achega unha selección de producións audiovisuais galegas á capital europea nas sedes do Instituto Cervantes e a Fundación Galicia Europa.

O ciclo, que arrincou o pasado 30 de setembro e que se prolongará ata o 14 decembro, inclúe títulos como Sirat, San Simón, Deuses de Pedra, As Liñas Discontinuas, O Silencio Herdado, Antes de Nós, 360 Curvas e Ao Son da Nova Regueifa. Varias das proxeccións contan coa presenza de profesionais vinculados ás películas, como Diego Moldes, Anxos Fazáns, Alejandro Gándara, Adrián Méndez, Manuel Lucas e Manolo Maseda, que participan en encontros co público arredor das obras.

O programa conta co apoio da Academia Galego do Audiovisual, a Xunta de Galicia, o Instituto Cervantes, a Fundación Galicia Europa, o Couto Mixto e a Acción Cultural Española mediante o Programa PICE.

Con esta programación, o EmigraSON reforza a súa actividade cultural ao longo do ano e contribúe a dar visibilidade á creación galega en Bruxelas, agora tamén a través do audiovisual.

Comparte éste artículo
No hay comentarios