A actuación forma parte do proxecto europeo Gerês-Xurés Máis Sustentável e completarase con visitas e cun escudo sobre o potencial turístico do xacemento.
A Deputación de Ourense promove unha nova intervención arqueolóxica no Castelo da Picoña, no concello de Calvos de Randín, para ampliar o coñecemento sobre esta fortificación de orixe portuguesa do século XII e avanzar na conservación e divulgación dos seus restos. Os traballos, adxudicados á empresa Breogán Arqueoloxía, comezarán a finais deste mes de outubro e desenvolveranse en colaboración coa Comunidade de Montes de Randín e Vilar, propietaria dos terreos.
A intervención centrarase no lenzo noroeste da muralla exterior e en diferentes sectores interiores do castelo. Ademais das escavacións, realizaranse o estudo e tratamento dos materiais recuperados e a recollida de mostras para análises que permitan afondar no coñecemento histórico do enclave.
Os novos restos que se documenten rexistraranse mediante técnicas de fotogrametría con dron e serán obxecto de traballos de consolidación para incorporalos ás estruturas xa visibles do xacemento.
A actuación incluirá tamén visitas ao castelo e á súa contorna durante a execución dos traballos e ao seu remate, así como accións de divulgación nas redes sociais para achegar á cidadanía os resultados da intervención e a relevancia histórica desta fortificación.
Estudo do potencial turístico do xacemento
O proxecto contempla a elaboración dun estudo integral que reunirá a información das distintas intervencións arqueolóxicas realizadas no Castelo da Picoña. Este documento permitirá analizar o seu potencial turístico e establecer as bases para a súa posta en valor como parte do patrimonio cultural da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés.
A iniciativa intégrase na actividade “Construíndo unha RBTGX máis sostible: produtos turísticos socialmente máis relevantes”, incluída no proxecto Gerês-Xurés Máis Sustentavel e orientada a diversificar a oferta turística do territorio a partir dos seus recursos patrimoniais.
Cun orzamento global de 1.356.289,37 euros e unha cofinanciación do 75 % do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do Programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, este proxecto promove o turismo sostible, a estruturación da oferta arredor da Rede de Portas e a valorización do patrimonio cultural e dos produtos locais.
A Deputación de Ourense participa nesta iniciativa xunto con administracións e entidades de Galicia e do norte de Portugal, baixo o liderado da Comunidade Intermunicipal do Alto Minho.