O Colectivo Pensamento e Sementeira organiza en Viveiro o 31 de outubro un Magosto cunha programación de obradoiros, música tradicional e castañas asadas

O vindeiro 31 de outubro, a Praciña da Herba de Viveiro será o escenario dunha nova celebración do Magosto, unha xornada dedicada a poñer en valor a cultura e tradición galegas a través da artesanía, a música tradicional e o reparto de castañas asadas.

A iniciativa, organizada polo Colectivo Pensamento e Sementeira,ofrecerá unha programación dirixida á participación das veciñas e veciños e a gozar dunha das celebracións máis representativas do outono en Galicia.

Obradoiros para fomentar a creatividade e a participación

A programación incluirá dous obradoiros con prazas limitadas. O primeiro será o obradoiro de cerámica, que se desenvolverá de 17:00 a 21:00 horas e permitirá ás persoas participantes experimentar coa arxila co asesoramento de Alfonso Otero Regal, de Regal Cerámica no propio obradoiro que está situado na curva de Xunqueira (Viveiro).

Pola súa banda, o obradoiro de zonchos, dirixido ao público infantil, terá lugar no baixo da Biblioteca Municipal de 19:30 a 20:30 horas e estará centrado na elaboración de colares tradicionais de zonchos.

Para participar nestas actividades será necesaria a inscrición previa a través dos formularios correspondentes que se poden consultar nas redes sociais do Colectivo Pensamento e Sementeira.

Música tradicional e castañas asadas

A partir das 21:00 horas será a quenda para a música tradicional en directo coa participación das Pandeireteiras da Sementeira e de Fol do Raxal.

Ademais, durante a xornada realizarase o reparto de castañas asadas ata fin de existencias, mantendo así un dos elementos máis característicos do Magosto.

Con esta iniciativa, o Colectivo Pensamento e Sementeira aposta pola promoción da cultura galega e pola creación de espazos de encontro arredor das tradicións populares, combinando actividades artesanais, de música e convivencia.

A organización anima a veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse á Praciña da Herba o 31 de outubro e participar desta celebración en Viveiro.

Comparte éste artículo
No hay comentarios