A Plataforma Sanitaria da Mariña convoca unha concentración en Xove pola falta continuada de pediatra

A Plataforma Sanitaria da Mariña convoca unha concentración  diante do centro de saúde de Xove o próximo martes 27 de outubro ás 11 horas en resposta á continuada falta de pediatra que está a sufrir esta localidade.Desde hai case un mes as nenas e nenos de xove carecen de servizo de pediatra e a situación estase a prolongar de xeito indefinido.

A “solución” que propoñen desde a Xerencia é a remisión dos casos de urxencia ao centro de saúde de Burela ,que xa se atopa ao 50% da súa dotación de pediatras, ou derivar ao PAC de Burela. Esta situación está a afectar tamén ao centro de saúde de San Cibrao ao compartir ambos os dous a profesional. Esta ausencia continuada provoca que se estén a adiar sine die os controis e os exames de saude de desenvolvemento infantil, a maiores de impedir a atención ordinaria e o seguimento continuo dos procesos patolóxicos diarios.

A coordinadora do colectivo, Montse Porteiro,amósase rotundamente crítica coa xestión da xerencia e da consellería de sanidade xa que “estamos diante dunha mostra máis do abandono programado ao que o goberno da Xunta somete á comarca da Mariña; resulta inaceptable que mentres as  familias  de Xove e San Cibrao leven case un mes sen pediatra o conselleiro de sanidade teña o atrevemento de dicir que están todas as prazas de pediatría cubertas agás a segunda praza de Viveiro: estás afirmacións xa trascenden a mala xestión e constitúen unha burla ás mariñás e mariñaos”

Desde a Plataforma Sanitaria da Mariña facemos un chamamento a toda a poboación da Mariña  á mobilización social con independencia de teñen ou non crianzas, porque non solo se está a desprotexer ás crianzas privándoos do dereito a atención pediátrica, senón que a perda de servizos e a degradación da atención sanitaria nestes momentos afecta a todas as persoas teñan a idade que teñan .

Comparte éste artículo
No hay comentarios