PSOE: «A Xunta Electoral sanciona a Candia por usar fondos públicos para facer campaña electoral e atacar ao anterior goberno»

A Xunta Electoral de Zona de Lugo acordou abrir un expediente sancionador a Elena Candia tras a denuncia presentada polo Partido Socialista. A resolución declara que a dirixente popular vulnerou a Lei Electoral ao utilizar fondos públicos, pagados por todos os e as lucenses, para promocionar a súa xestión en plena campaña electoral e atacar o anterior goberno municipal.

A decisión responde á visita de Candia, o pasado 14 de outubro, ás obras do aparcadoiro disuasorio do Ceao e á posterior difusión dunha nota de prensa municipal na que presumía da súa xestión mentres acusaba o anterior executivo de despilfarrar recursos públicos.

A Xunta Electoral é contundente: sinala que tanto a visita como a nota de prensa foron “organizadas y financiadas con fondos públicos”, cualifica os ataques ao anterior goberno municipal de “claramente contrarios á debida neutralidade” e conclúe que ambas as actuacións vulneraron os artigos 50.2 e 50.3 da Lei Electoral, que prohiben utilizar actos institucionais para vender accións de goberno durante o período electoral.

Por iso, ademais de abrir o expediente sancionador, ordena ao Concello retirar inmediatamente a nota de prensa da súa web e require á Candia que se absteña de realizar actuacións similares ata as eleccións.

Para o PSdeG, a resolución confirma que “Candia utiliza o Concello como unha extensión da sede do Partido Popular. Os recursos municipais son de todos os lucenses, non unha ferramenta de propaganda electoral ao seu servizo”, sostivo a membro da executiva local Ángeles Novo, recordando, ademais, que foi a ver unha actuación que procedía da xestión socialista de Miguel Fernández.

Na súa resolución, a Xunta Electoral rexeita os argumentos cos que se tratou de xustificar a actuación do pasado 14 de outubro. Candia alegou que se trataba dunha simple visita técnica para comprobar o estado das obras e que non se producira ningunha inauguración formal. Porén, a Xunta Electoral deixa claro que non fai falta cortar unha cinta nin descubrir unha placa para vulnerar a Lei Electoral.

O organismo cuestiona tamén a oportunidade da visita, celebrada despois da convocatoria das eleccións, e sinala que non se xustificou a necesidade de realizala nese momento nin, moito menos, de difundila mediante unha nota de prensa institucional.

Nin sequera rectificar despois evitou a resolución

Candia tentou evitar a sanción modificando días despois a nota de prensa, eliminando as críticas aos anteriores gobernos municipais. Porén, a Xunta Electoral considera que esa rectificación non elimina a infracción cometida. De feito, entende que a comunicación modificada seguía incorporando referencias a outros proxectos municipais que non estaban suficientemente xustificadas durante o período electoral.

“A neutralidade institucional non é unha recomendación, é unha obriga legal. Candia non debe poñer nin os cartos da veciñanza lucense nin o Concello ao servizo dos intereses electorais do PP”, insistiu Novo.

O PSdeG anuncia que continuará vixiando o cumprimento da lexislación electoral e actuará ante calquera novo intento de utilizar recursos públicos con fins partidistas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios