O Auditorio Municipal Gustavo Freire acolle este domingo a obra familiar “A viaxe do señor López”

A proposta de Señor López Produccións forma parte da programación familiar de teatro, maxia e danza do segundo semestre de 2026 e está recomendada para nenos e nenas a partir dos seis anos.

O Auditorio Municipal Gustavo Freire acollerá este sábado, 25 de outubro, ás 18:30 horas, a representación de A viaxe do señor López, da compañía Señor López Produccións, incluída na programación de teatro, maxia e danza do segundo semestre de 2026 impulsada pola área de Cultura do Concello de Lugo.

A obra presenta ao señor López, unha persoa solitaria, triste e gris á que un día lle acontece unha desas cousas solitarias, tristes e grises tan características do mundo dos adultos. A partires dese momento, todo muda: decide montar unha compañía de teatro, aprende a contar chistes, fala idiomas inventados e emprende unha viaxe por un mundo cheo de cores e ledicia.

Ao longo desta transformación, o protagonista descubrirá novas formas de relacionarse co mundo e acabará converténdose en alguén completamente diferente. Unha proposta escénica que convida ao público a descubrir o poder da imaxinación, do humor e da creatividade para transformar a realidade cotiá.

A dirección e a interpretación corren a cargo de Rubén Pérez Pombo. O espectáculo está recomendado para público infantil a partir dos seis anos e constitúe unha nova oportunidade para que as familias desfruten dunha proposta cultural compartida.

Con esta representación, a programación cultural deseñada polo concelleiro Javier Vázquez e o seu equipo do servizo de Cultura do Concello de Lugo continúa a ofrecer alternativas de lecer cultural para os máis pequenos e as súas familias, achegándolles as artes escénicas a través de propostas que combinan diversión, fantasía e emoción.

Comparte éste artículo
No hay comentarios