O Concello de Lugo presenta a nova programación de animación á lectura da Biblioteca Municipal Isidro Novo, situada no parque da Milagrosa, en Frigsa, que reúne diferentes propostas para achegar os libros á veciñanza e fomentar o hábito lector desde a infancia. A programación infantil, que comezou esta semana, inclúe seis actividades entre outubro e decembro, mentres que a oferta se completa cun club de lectura para persoas adultas.
O concelleiro de Cultura, Javier Vázquez, visitou as instalacións municipais para dar a coñecer os datos de actividade deste equipamento e as iniciativas previstas para os próximos meses.
A programación infantil combina contacontos, teatro e xogos. A primeira proposta, o escape room «Os misterios da biblioteca», a cargo de Ludus Tempori, celebrouse este xoves, 22 de outubro. As cinco actividades restantes desenvolveranse no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL).
O calendario continuará o xoves 29 de outubro con «Contos de medo que deixan durmir», de Caxoto, un espectáculo de narración oral para nenos e nenas a partir de catro anos que recupera personaxes da tradición popular galega, como a Santa Compaña, os Sacaventos ou o home lobo, combinando misterio e humor.
Xa en novembro, o día 5, Raquel Queizás presentará «Raposadas», unha sesión de contacontos para público a partir de tres anos, protagonizada por unha raposa curiosa e aventureira que descubrirá novas historias, cancións e adiviñas.
O 19 de novembro será a quenda de «Nube de algodón», de Trémola Teatro, unha proposta dirixida á primeira infancia, de un a tres anos. A través da historia dunha nube que cambia de cor segundo as emocións que experimenta, os máis pequenos poderán achegarse ao recoñecemento e á expresión dos sentimentos.
O xoves 26 de novembro, Teatro Ghazafelhos levará ao público infantil «A máquina do tempo», un espectáculo para nenos e nenas a partir de catro anos no que os protagonistas viaxarán por diferentes épocas históricas grazas a unha peculiar máquina do tempo.
A programación pecharase o 10 de decembro con «Un Nadal cheo de contos», de Tarabelos, unha sesión de monicreques e narración oral para público a partir de tres anos, con historias do Nadal procedentes de diferentes lugares do mundo.
Todas as actividades están programadas para as 18.00 horas e son gratuítas. Para asistir será necesario retirar previamente unha entrada a través da plataforma entradaslugo.es, dispoñible desde o luns da semana de cada actuación. As persoas adultas acompañantes tamén deberán contar con entrada. Para favorecer a participación infantil, permitirase un único acompañante adulto por unidade familiar e un máximo de tres entradas por persoa.
A oferta complétase co club de lectura coordinado pola escritora lucense Antía Yáñez, que comezou a súa actividade esta semana. O grupo conta con 24 prazas e ten lista de espera, unha resposta que reflicte o interese por este espazo para compartir impresións e experiencias arredor dos libros.
A Biblioteca Municipal Isidro Novo conta actualmente con 15.285 persoas inscritas, das que 12.842 son adultas e 2.443 pertencen ao público infantil. Desde o inicio de 2026 incorporou 314 novas persoas usuarias e rexistrou 16.907 préstamos, dos que 2.741 se realizaron desde principios de setembro.
O fondo documental ascende a 46.265 unidades, entre libros, documentos audiovisuais e documentos sonoros. A colección inclúe 40.185 libros, dos que 21.956 están na sala de adultos e 18.229 na sala infantil. Ao longo deste ano incorporáronse 629 novos libros, co obxectivo de continuar actualizando os fondos e responder aos intereses lectores de persoas de diferentes idades.
O Concello continúa así a promover a lectura e o acceso á cultura a través da Biblioteca Municipal Isidro Novo, que combina o servizo de préstamo con actividades para diferentes públicos e espazos de encontro arredor dos libros.