Olalla Rodil, cabeza de lista ao congreso por Lugo, acompañado pola concelleira do BNG en Castro de Rei, Olga García, e militantes do BNG de Castro de Rei visitaron hoxe a XV edición da Expo-Degustación da Galiña de Mos, celebrada na parroquia de San Xiao de Mos, «un dos eventos máis representativos do outono na Terra Chá».
Rodil do BNG afirmou que «o BNG defenderá no Congreso ás razas autóctonas galegas levando iniciativas para mellorar as condicións do noso rural», dixo. O BNG proporá en Madrid políticas que apoien a rendibilidade da produción leiteira, agro-gandeira e da industria transformadora, fomentando os circuítos curtos de comercialización e de transformación por parte das persoas produtoras e que aposten pola produción diferenciada e de calidade.
A cita, organizada pola Asociación Avimós de Avicultores da raza da Galiña de Mos e pola Asociación de Veciños de San Xiao, volveu converterse nun punto de encontro entre criadores, produtores, veciñanza e visitantes interesados en coñecer e degustar un dos produtos máis emblemáticos da avicultura galega. Durante toda a xornada desenvolvéronse actividades divulgativas, exposicións, degustacións gastronómicas e espazos de encontro arredor da recuperación desta raza autóctona, símbolo da identidade agraria galega.
«A Galiña de Mos é un símbolo da nosa identidade, do noso xeito de producir e de entender o rural», dixo a candidata do BNG, que engadiu «grazas ao traballo de Avimós e do movemento asociativo da zona, conseguise non só conservar unha raza, senón tamén poñer en valor un modelo de produción ligado á terra, sustentábel e de proximidade, que é o que precisamos defender dende as institucións».