BNG: «A Xunta bloquea no Parlamento o debate sobre as necesidades do CEIP Nosa Señora da Piedade de Vila de Cruces»

O BNG denunciona a actuación da Consellería de Educación en relación coas carencias do CEIP Nosa Señora da Piedade de Vila de Cruces, despois de que esta tardase oito meses en responder a unha iniciativa parlamentaria e remitise a contestación escrita xusto cando a formación nacionalista solicitou a súa incorporación á orde do día da Comisión 4.ª do Parlamento galego para o seu debate.

A deputada do BNG no Parlamento galego, Ariadna Fernández, e o portavoz municipal en Vila de Cruces, Álex Fiúza, consideran especialmente significativa esta coincidencia temporal. A resposta chegou apenas dous días despois de pedir a tramitación da iniciativa —rexistrada inicialmente en febreiro— para que puidese ser debatida en comisión. Na práctica, este movemento impediu que o BNG defendese a proposta por esa vía e evitou que as familias e a ANPA do colexio tivesen a oportunidade de acudir á Cámara para escoitar directamente a posición do Executivo galego.

«Levabamos oito meses agardando unha resposta da Consellería e, xusto cando solicitamos que a iniciativa entre na comisión, chega a contestación escrita. Ademais, esta non aclara absolutamente nada do que se preguntaba, xa que evita prazos e compromisos orzamentarios co centro. Custa entender que, despois de tanto tempo de silencio, a Xunta actúe precisamente nese momento», sinala Fiúza.

Unha resposta baleira de contido e prazos

Alén da coincidencia temporal, o BNG critica que o documento remitido pola Consellería non achega información concreta sobre como pretende actuar no CEIP Nosa Señora da Piedade. A resposta non aclara se está prevista ningunha reunión coa comunidade educativa, se existe unha planificación para atender as necesidades estruturais nin se manexan prazos para acometer as obras urxentes que se veñen reclamando.

Despois de oito meses de agarda, a Xunta non ofrece certezas, un feito que xerou malestar na ANPA, que leva tempo loitando por estas melloras. «Non só chega tarde, senón que non resolve ningunha das dúbidas fundamentais da comunidade educativa. Non sabemos se vai haber reunións, se existe un calendario de actuacións ou cando se acometerán as obras. As familias necesitan saber que vai facer a Xunta e en que prazos, non recibir unha resposta evasiva», lamenta a presidenta da asociación de nais e pais.

Pola súa banda, Álex Fiúza pon o foco na preocupación crecente das familias e na necesidade de que a administración autonómica deixe de adiar unha solución. «A ANPA leva tempo reclamando unhas instalacións adecuadas para o alumnado. O que precisan é que se lles escoite e se actúe, non que se poñan trabas para coñecer de primeira man a posición da Consellería. Estamos a falar das condicións nas que as nenas e os nenos estudan e conviven a diario», subliña o edil.

Para concluír, a formación nacionalista adianta que esta maniobra non freará a súa labor de control ao Goberno galego. «Dende o BNG rexistramos unha nova iniciativa sobre o centro en setembro e seguiremos explorando todas as vías parlamentarias dispoñibles, tanto no Pleno como nas comisións, para conseguir que a situación do colexio se debata e que a Xunta dea explicacións e asuma compromisos por escrito», conclúe Ariadna Fernández.

Comparte éste artículo
No hay comentarios