O PP pide á PSOE e BNG que colaboren co Entroido de Salcedo, unha das celebracións máis ancestrais de Galicia

Antonio Ameijide lembra que a propia Deputación, a través da súa web de turismo, recoñece a singularidade desta celebración, “polo que non se entende que leven varios anos sen colaborar economicamente con estes festexos”.

Os deputados do Grupo Provincial Popular pedirán no pleno ordinario de outubro que a Deputación colabore co Entroido de Salcedo, unha festividade tradicional moi arraigada nesta parroquia da Pobra do Brollón e un dos entroidos máis ancestrais de Galicia.

Así o anunciou o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, tras manter unha xuntanza co voceiro do PP na Pobra do Brollón, Teddy López, na que tamén participou o deputado provincial, Luis Fernández Guitián.

Antonio Ameijide sinala que a colaboración da Deputación na Pobra do Brollón en materia cultural realízase en varias vías, pero “é curioso que non se colabore co Entroido de Salcedo, quizais a celebración máis emblemática deste municipio e que non conta cunha colaboración da Deputación dende hai varios anos”.

Incluso, a propia Deputación de Lugo, a través da súa páxina web de turismo, recoñece que “esta manifestación do entroido lucense é única en Galicia”, pero fai anos que non colabora economicamente para manter a súa celebración.

Unha celebración recoñecida en toda Galicia, sobre todo, grazas ao seu personaxe principal e característico, o Oso de Salcedo, que sae cada luns de Entroido en compañía dos seus ‘criados’.

Pero o Entroido de Salcedo conta con numerosas actividades organizadas pola Asociación Veciñal de Salcedo, como as Madamas e Danzantes, os Disfraces de Campo, funcións de teatro e música, entre outras actividades.

Por este motivo, os deputados do Grupo Provincial piden ao goberno provincial que estude a posibilidade de colaborar co Entroido de Salcedo a través dunha axuda extraordinaria para contribuír a manter o tradicional Entroido de Salcedo, así coma outras celebracións e actividades culturais arraigadas e singulares da provincia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios