O Concello de Lugo presenta unha programación de Samaín con actividades para todas as idades

Unha das principais novidades da programación do Samaín será O Túnel do Medo, unha experiencia teatralizada que se desenvolverá o sábado 31 de outubro, de 18:00 a 22:00 horas (18.00-20.00 público familiar e de 20.00-22.00 horas adultos).  O percorrido estará inspirado no cine de terror e suspense e contará cun vestíbulo de entrada e seis ambientes escenográficos, conectados nunha experiencia inmersiva con decoración, iluminación, ambientación sonora e interpretación teatral.

A instalación situarase nos soportais do aparcamento do parking do edificio administrativo do Concello. 

Actividades de balde para xuventude e público infantil

A programación comezará o mércores 28 de outubro con «Cociña de medo», un obradoiro para a mocidade na Casa da Xuventude na que se elaborarán receitas inspiradas no Samaín. A inscrición realizarase a través de formulario.xuventudelugo.gal. Tamén o sábado 31 de outubro, a Casa da Xuventude acollerá «Factoría de personaxes», unha actividade para crear caracterizacións arrepiantes, en horario de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:00 horas.

Pola tarde, a Praza de Abastos converterase nun dos puntos de encontro da celebración para o público infantil. Entre as 16:30 e as 20:30 horas, as asociacións castrexas Clan de breogan, Lugdunum , Mercenarios e Trebas Galaicas  organizarán o baleirado e o concurso de cabazas.

A actividade completarase con xogos, chocolate con churros e un desfile de ánimas. Non se precisa inscrición previa.

Música, misterio e experiencias inmersivas

O centro histórico tamén será escenario de diferentes propostas xa durante a tarde e a noite do 30 e  o 31 de outubro.

O venres 30 de outubro  ás 21:00 horas, actuará no templete da Praza Maior Broken Peach, a banda galega nacida en Vigo que, ao longo de máis de quince anos de traxectoria, ofreceu centos de concertos en festivais, eventos institucionais, producións televisivas e escenarios de toda España e Europa. O grupo destaca polos seus espectáculos temáticos, entre eles o seu Halloween Special, unha proposta que combina música e posta en escena para crear unha experiencia especialmente acorde coa celebración do Samaín.

Xa na xornada do sábado o 31 de outubro, a escola de danza Gravity realizará a intervención itinerante «Ouveos e Cairos», unha proposta de flash mob que percorrerá as rúas da cidade entre as 19:00 e as 21:00 horas.

Máis actividades desta xornada: Ás 21.30 terá lugar un rastrexo nocturno ; ás 22.00 horas a asociación Tambukada ofrecerá un espectáculo polas rúas de percusión ancestral e ás 23.00 un concurso musical «O son das ánimas», no templete.

Tamén está programada ás 21:30 horas unha ruta guiada. Guido Guía conducirá «Segredos de intramuros», unha visita guiada polos misterios e curiosidades da cidade, con saída da Praza do Cantiño e sen necesidade de inscrición. 

Obradoiros arredor do Día de Mortos no Vello Cárcere

A programación continuará o 4 de novembro con dúas propostas organizadas por AMMIGOBS en colaboración co Concello de Lugo, vinculadas á tradición mexicana e á celebración do Día de Mortos.

O mércores 4 de novembro, ás 18:00 horas, celebrarase «Decora a túa caveiriña, convértea nun alfeñique», unha proposta creativa arredor destas figuras tradicionais.

O venres 6 de novembro, tamén ás 18:00 horas, terá lugar «O alebrije que habita en min», un obradoiro no que as persoas participantes poderán decorar unha peza inspirada no can xoloitzcuintle segundo a súa propia visión e imaxinación. Ambas actividades son gratuitas

Teatro no Cemiterio Municipal de San Froilán

Tamén dende a  Concellería de Economía, Participación, Servizos á Veciñanza e Benestar Animal levará o teatro ao Cemiterio Municipal de San Froilán os días 7 e 8 de novembro coa proposta «Dándolle unha volta a Don Juan», da compañía Palimoco Teatro.

O sábado 7 de novembro, ás 20:00 horas, representarase «Don Juan». O domingo 8 haberá dúas novas funcións: «Don Juanito», ás 17:00 horas, e «Don Juanín», ás 19:15 horas.

As representacións contarán con 150 prazas. En caso de choiva, as funcións trasladaranse á capela do cemiterio e só poderán acceder as persoas con entradas numeradas do 1 ao 60.

As entradas poderán recollerse a partir do 29 de outubro no Centro de Interpretación da Muralla, situado na Praza do Campo.

Con esta programación, o Concello de Lugo ofrece diferentes maneiras de vivir o Samaín, desde os xogos, os disfraces e as actividades infantís ata a música, as experiencias inmersivas e o teatro. Un programa que reúne o traballo de distintas áreas municipais e a colaboración de asociacións e profesionais para achegar a celebración a diferentes espazos da cidade e á veciñanza de todas as idades.

Comparte éste artículo
No hay comentarios