Abadín debate sobre o impacto das macroplantas de biometano nunha charla co experto Máximo Florín

Ante a enorme preocupación social xerada polos proxectos de instalación de dúas macroplantas de biometano nas parroquias de Candia e Quende, a veciñanza convoca unha xornada informativa aberta para obter respostas claras, rigorosas e baseadas na ciencia sobre as consecuencias reais destas infraestructuras no territorio.

Para afondar na materia, a xornada contará coa presenza do profesor Máximo Florín Beltrán, un referente indiscutible na materia. Doutor en Ciencias Biolóxicas, ecólogo acuático, profesor titular de Tecnoloxías do Medio Ambiente na Universidade de Castela-A Mancha (UCLM), investigador no Centro Rexional de Estudos da Auga (CREA) e recente Embaixador do Pacto Climático Europeo pola Comisión Europea, Florín é experto en analizar o impacto a gran escala deste tipo de instalacións.

A intervención centrarase en aspectos cruciais como a xestión de miles de toneladas de residuos externos, o tráfico masivo de camións pesados, os efectos do dixestato nos solos agrícolas e o risco potencial de contaminación sobre as augas e os acuíferos locais. Dende a organización subliñan que non se trata dun rexeitamento á tecnoloxía en si, senón de defender a escala adecuada para o territorio, a gandería local, a agricultura e a saúde pública fronte a proxectos desproporcionados.

Xornada de convivencia e cultura galega

Máis aló do debate técnico e informativo, o encontro concebírase tamén como un espazo de convivencia veciñal e posta en valor da identidade local. A xornada incluirá actuacións de música tradicional, a participación de Batifoula e unha degustación de gastronomía típica galega.

Datos do evento:

  • Data: Domingo, 8 de novembro de 2026.
  • Hora: 11:30 h.
  • Lugar: Nave de Darío (Abadín). Nota para visitantes: o cartel oficial dispón dun código QR de xeolocalización por GPS para facilitar a chegada.

Dende a organización insisten na importancia de asistir e compartiren a convocatoria para garantir que a información chegue a todas as persoas afectadas: «Vén, infórmate de primeira man e defende o futuro de Abadín. Xuntos somos máis fortes!».

Comparte éste artículo
No hay comentarios