O PSdeG de Abadín logra que o alcalde retire a súa proposta de «soldo encuberto»

O Grupo Municipal Socialista de Abadín denunciou hoxe no pleno a «manobra» do alcalde, Xosé María López Rancaño, que pretendía aprobar unha indemnización de 53,34 euros brutos diarios para seguir como rexedor despois de xubilarse. A presión do PSdeG obrigou a Rancaño a retirar a proposta no último momento.

Segundo o portavoz socialista, Pablo Díaz, a proposta era un «dobre salario encuberto» e incompatible coa pensión, tal e como advertira a secretaria-interventora municipal. O alcalde limitouse a comunicar que só percibirá as indemnizacións, dietas e quilometraxe xa aprobadas, e Díaz prometeu que o seu grupo seguirá «vixilante para que non intente reactivar por outra vía o que hoxe se viu obrigado a retirar».

Un goberno local en situación de debilidade

Este episodio prodúcese nun contexto de inestabilidade no goberno local, pois no mesmo pleno deuse conta da dimisión de Tania Rey Eimil, concelleira de Benestar Social do PP. Rey renunciou á súa dedicación exclusiva e deixou de prestar as súas funcións no executivo.

Ademais, os socialistas reclamaron explicacións por outros tres asuntos que preocupan á veciñanza:

  • A falta de abastecemento de auga nas parroquias de Castromaior e As Goás, un problema recorrente cada verán.
  • Os criterios «arbitrarios» para o desbroce de pistas, que provocaron queixas por non limpar viais en zonas onde se fixo o desbroce fronte á casa dunha concelleira do PP.
  • O atraso na resolución da praza de conserxe, que debería estar cuberta dende maio e segue sen adxudicarse a só un mes do inicio do curso escolar.

«O PSdeG de Abadín vai seguir facendo o que lle corresponde: defender aos veciños, frear abusos e obrigar ao goberno local a dar explicacións e rectificar cando se equivoca», concluíu Díaz.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios