A factoría supón un investimento inicial de preto de 18 millóns de euros e prevé crear entre 70 e 120 empregos directos cualificados, con capacidade para ampliar as instalacións con dúas novas naves.
O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, participou hoxe na presentación da nova planta de Indra no polígono industrial de Penapurreira, nun acto que contou coa participación do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; e do CEO de Indra Group, Josep Maria Recasens, entre outras autoridades.
O proxecto supón un novo paso na diversificación industrial do municipio e na creación de oportunidades de emprego para a comarca. A compañía prevé un investimento inicial de preto de 18 millóns de euros e a creación de entre 70 e 120 postos de traballo directos de alta cualificación nunha primeira fase, aos que se sumará a actividade xerada entre empresas auxiliares, provedores e servizos asociados.
Froito de dous anos de traballo compartido
Durante a súa intervención, Formoso destacou que a implantación de Indra é o resultado de máis de dous anos de traballo compartido entre administracións, empresa e axentes económicos e sociais. “Este é o froito dun traballo conxunto”, afirmou, antes de subliñar que “se se traballa así, este país é imparable” e que “non debemos renunciar a nada”.
O presidente provincial puxo en valor a colaboración entre o Goberno de España, a Xunta de Galicia, a Deputación e o Concello das Pontes, así como a implicación do tecido empresarial local e do propietario dos terreos. Un esforzo sostido durante máis de dous anos que permitiu concretar unha iniciativa pola que competían distintos territorios e que abre novas perspectivas para o futuro industrial das Pontes.
“Esta posibilidade podería ter sido noutro territorio do Estado”, lembrou Formoso, quen destacou o interese que esperta a compañía: “Indra é a gran desexada. Todos os territorios queren unha factoría de Indra”. Por iso, incidiu en que “para que isto sexa hoxe unha realidade houbo que traballar moito” e agradeceu a contribución das persoas e institucións que fixeron posible a súa chegada.
O mandatario provincial recoñeceu tanto o labor desenvolvido publicamente como as xestións realizadas con discreción e salientou a responsabilidade compartida de ofrecer solucións industriais serias e solventes para crear emprego e evitar que a veciñanza teña que marchar.
Capacidade para crecer e crear máis emprego
A nova planta ocupa unha parcela de case 53.000 metros cadrados, cunha superficie construída de 13.730. A planta prevé producir 80 vehículos militares ao ano e comezará en 2027 coa integración dos vehículos lanzapontes do Exército de Terra. Posteriormente incorporará os vehículos anfibios de combate de Infantaría de Mariña e, en 2029, os sistemas de artillaría autopropulsada sobre rodas. Para desenvolver esta actividade, contará con tres liñas paralelas de montaxe, talleres de electrónica e instalacións específicas para pintura, probas e validación dos vehículos, ademais dunha pista de rodadura.
Formoso salientou que o proxecto dispón de marxe para medrar nos próximos anos, xa que na zona existe capacidade para construír “outras dúas naves similares”. Neste sentido, apuntou á posibilidade de contar “cunha factoría de maior dimensión e centos de empregos directos dentro de catro ou cinco anos”. “Isto é só o comezo”, asegurou.
Para o presidente da Deputación, estas perspectivas reforzan a necesidade de seguir traballando para atraer investimentos que permitan crear emprego e ofrecer á veciñanza a oportunidade de desenvolver o seu futuro profesional na comarca. Tamén destacou a importancia de preparar tanto o tecido industrial como a sociedade para aproveitar as novas oportunidades de investimento europeo ás que se referiu durante o acto o conselleiro delegado de Indra, Josep Maria Recasens.
Confianza no futuro industrial das Pontes
A chegada de Indra enmárcase no proceso de transformación económica que vive As Pontes tras o peche da central térmica. Formoso vinculou este proxecto ás posibilidades que abren outras iniciativas industriais, como a anunciada por SAIC-MG, e á dispoñibilidade de solo para novos desenvolvementos, entre eles os 110.000 metros cadrados recuperados nas antigas instalacións de Einsa.
O alcalde e presidente provincial expresou a súa confianza no horizonte de 2030 e reivindicou a colaboración institucional como unha ferramenta decisiva para converter esas oportunidades en actividade e emprego.