O percorrido mellora así a conexión cara a Rolda de Outeiro no sentido Marineda-As Lagoas, substituíndo as paradas da avenida do Ferrocarril.
A liña 11 de autobús -no sentido Marineda-As Lagoas- recuperará a partir deste sábado o seu percorrido orixinal, e pasará pola avenida da Sardiñeira en lugar de continuar pola avenida do Ferrocarril. Este cambio pode levarse a cabo unha vez finalizada a remodelación da Sardiñeira e da estación, co que se facilitará así a volta ao percorrido orixinal e coincidirá coa próxima apertura da estación de autobuses, á que tamén lle dará servizo.
Deste xeito, mellórase a conexión entre Marineda, a avenida de Arteixo e a rolda de Outeiro, e dáse unha saída máis directa cara ao barrio dos Mallos e axilizarase o percorrido dunha das liñas con máis afluencia e máis extensas na cidade, que conecta con varias zonas do centro e pasa por puntos como Juan Flórez, a praza de Pontevedra, San Andrés ou a avenida de Hércules.
Así, pasarán a estar operativas catro novas paradas ao longo da avenida da Sardiñeira, que substituirán as catro da avenida do Ferrocarril. A incorporación á Sardiñeira efectuarase na intersección coa avenida de Arteixo, sairá despois á rolda de Outeiro á altura da rúa Capitán Juan Varela -e continuará desde aquí con normalidade o seu percorrido-.
As paradas na avenida da Sardiñeira serán:
- 472: Avenida da Sardiñeira-Fenosa
- 473: Avenida da Sardiñeira-IES A Sardiñeira
- 255: Avenida da Sardiñeira-rúa Europa
- 256: Avenida da Sardiñeira-Estación de autobuses
Esta reorganización levada a cabo polo Concello para optimizar o servizo súmase ás xa efectuadas nas liñas 3 e 7 co paso pola parada ampliada de Juana de Vega, recupérase a saída directa aos Cantóns e elimínanse as modificacións temporais de percorrido que houbo que facer pola reforma, primeiro de San Andrés e despois dos Cantóns.