A XV Xornada «O Prezo do Clic» abordou a mercantilización do corpo das mulleres e a influencia da industria pornográfica, e pechou cun monólogo da actriz e cómica Arantxa Treus.
A Rede Galega Contra a Trata Sexual celebrou onte no Hotel Los Galeones de Vigo a súa XV Xornada, titulada «O Prezo do Clic. Trata, explotación sexual e prostitución: a súa relación coa pornografía e a mercantilización do corpo». O encontro reuniu profesionais, representantes de entidades e institucións e público xeral para reflexionar sobre a normalización de prácticas como o sugardating, a exposición temperá á pornografía e as dinámicas de desigualdade que favorecen a explotación sexual.
Ao longo da xornada, as persoas relatoras analizaron como determinados discursos presentan estas prácticas como opcións libres, atractivas ou mesmo aspiracionais, mentres ocultan as relacións de poder e os intereses económicos que poden existir detrás delas.
O sugardating: unha práctica que se presenta como aspiracional
Andrea García Rodríguez, da Asociación Faraxa, presentou unha investigación sobre o sugardating, un fenómeno que, segundo explicou, medrou de forma exponencial desde a pandemia e que se desenvolve en espazos dixitais como Telegram, OnlyFans ou plataformas específicas.
A relatora advertiu de que esta práctica se promove a través dun imaxinario asociado ao luxo, aos beneficios económicos, ao apoio e á posibilidade de ascenso social. Unha imaxe romantizada que contribúe á súa normalización e que, segundo sinalou, chega cada vez a mulleres máis novas e mesmo a menores, antes incluso de que busquen este tipo de relacións.
Fronte a esa aparencia de intercambio voluntario e beneficioso, García Rodríguez describiu relacións profundamente desiguais: mentres os demandantes poden permanecer no anonimato, as mozas quedan expostas e facilitan os seus datos persoais. Ademais, sinalou que o obxectivo dos homes que participan nestas dinámicas adoita ir máis alá do contacto dixital, coa procura de encontros presenciais para acceder sexualmente a elas.
García Rodríguez incidiu tamén en que o sugardating se percibe de maneira moi diferente á prostitución, xa que se presenta como unha alternativa positiva e unha decisión individual tomada sen presións. Porén, advertiu de que este relato pode enmascarar dinámicas similares de desigualdade e abrir a porta á participación de intermediarios que obteñen beneficios económicos, ata converter a explotación nun modelo de vida aparentemente desexable.
A mercantilización do corpo das mulleres, un negocio ligado á desigualdade
Pola súa banda, Uxía López Mejuto, da Universidade da Coruña, abordou a mercantilización do corpo das mulleres desde unha perspectiva estrutural, como unha oportunidade de negocio que se manifesta en ámbitos como a pornografía ou a comercialización de bonecas sexuais hiperrealistas.
López Mejuto chamou a atención sobre a falta de educación sexual nun contexto no que, segundo expuxo, moitos mozos acceden á pornografía arredor dos 11 anos. Tamén cuestionou o modelo de sexualidade que promove unha industria na que, nas súas palabras, se lle ofrece ao comprador a posibilidade de «dar renda solta a todo tipo de fantasías misóxinas».
A relatora defendeu que a liberdade sexual non se pode mercar: «pódese comprar o acceso sexual, pero non a vontade». Neste sentido, lembrou que cómpre analizar a quen se dirixe esta oferta (maioritariamente a homes) e como inflúen nela os roles e as desigualdades de xénero. Así, apuntou que a mercantilización do corpo dos homes non xerou un mercado equivalente ao construído arredor do das mulleres.
López Mejuto lamentou que o debate sobre a explotación sexual sitúe habitualmente as mulleres no centro, en lugar de prestar atención tamén a quen demanda estes produtos e servizos, e puxo o foco nas dificultades que presenta o consentimento en contextos marcados pola desigualdade.
O acceso temperán á pornografía e as súas consecuencias
Daniel Ribeiro, da Asociación Amar Dragoste, que participou de forma telemática, centrou a súa intervención no acceso dos menores á pornografía e nas consecuencias que pode ter a exposición temperá a estes contidos. Segundo explicou, moitos nenos chegan a eles de maneira accidental e un de cada dous menores estivo exposto a contido pornográfico de forma involuntaria.
A partir da súa propia experiencia, Ribeiro relatou como un primeiro contacto temperán coa pornografía, na casa dun amigo, derivou nunha adicción e nunha obsesión que lle ocupaba unha parte importante da súa vida mental, lle facía perder o control e comezou a condicionar a súa maneira de ver as mulleres.
O relator contrapuxo aquela primeira experiencia, nun momento no que acceder á pornografía requiría dar a cara e pagar polo contido, coa realidade actual, na que a súa dispoñibilidade, accesibilidade e anonimato facilitan, segundo advertiu, que se desenvolvan dinámicas de consumo problemático sen que o entorno da persoa sexa consciente delas.
Ribeiro insistiu en que non se pode afrontar este problema en soidade e defendeu a necesidade de crear espazos seguros nos que falar abertamente del, especialmente entre a mocidade. Tamén reclamou unha maior información sobre a realidade da industria pornográfica, as situacións de abuso e desigualdade que poden darse nela e a súa relación coa prostitución e a trata. O obxectivo, sinalou, é favorecer decisións informadas e lembrar que é posible saír dunha adicción e construír relacións coas mulleres que non as reduzan a obxectos sexuais.
Un peche en clave de humor
A XV Xornada «O Prezo do Clic» rematou cun monólogo da actriz e cómica viguesa Arantxa Treus. A actuación puxo o broche final ao encontro, nunha aposta polo humor como ferramenta para abordar realidades complexas. Tal e como explicou Ana García Costas, responsable da ONG Faraxa e mestra de cerimonias da xornada, «a mellor alternativa é sempre rir».