O Concello de Lugo celebra este domingo e luns os actos de lembranza no Cemiterio de San Froilán

O Concello de Lugo celebrará o vindeiro luns, 2 de novembro, os actos institucionais de homenaxe e lembranza ás persoas falecidas no Cemiterio Municipal de San Froilán, coincidindo co Día de Defuntos. A programación inclúe unha misa, a tradicional ofrenda floral e a participación da Banda Municipal de Música, nunha xornada dedicada á memoria de todas as persoas falecidas.

Os actos comezarán ás 12:30 horas cunha misa presidida polo bispo. A continuación, ás 13:30 horas, terá lugar a tradicional ofrenda floral en memoria de todas as persoas falecidas. A homenaxe contará coa participación dunha formación de cámara de vento-metal da Banda Municipal de Música de Lugo, que interpretará varias pezas seleccionadas para acompañar este momento de lembranza.

A programación especial completarase o domingo 1 de novembro, Día de Todos os Santos, con actuacións de distintas formacións de cámara da Banda Municipal de Música para acompañar as visitas ao cemiterio. Entre as 12:00 e as 14:00 horas actuará un grupo de clarinetes e fagot, mentres que entre as 16:00 e as 18:00 horas será a quenda dunha formación de saxofóns e clarinete. O repertorio estará composto por pezas de carácter solemne e respectuoso, adaptadas ao sentido destas datas.

Durante estas xornadas tamén estará instalada a Árbore da Luz, unha iniciativa que permitirá ás persoas visitantes escribir mensaxes de cariño e lembranza dedicadas aos seus seres queridos e colgalas das súas ramas.

Horario ampliado e transporte gratuíto

Para facilitar as visitas nestas datas, o Cemiterio Municipal de San Froilán permanece aberto de forma ininterrompida entre as 9:00 e as 19:00 horas desde o pasado 25 de outubro e ata o luns 2 de novembro. O recinto permite tamén o acceso con mascotas, respectando as normas de convivencia, seguridade e limpeza.

Ademais, os días 31 de outubro e 1 de novembro funcionarán dous autobuses gratuítos entre a Ronda da Muralla, fronte ao edificio de Obras Públicas, e o cemiterio. O servizo estará operativo de 9:00 a 19:00 horas, cunha frecuencia de 30 minutos.

O percorrido de ida será pola Ronda da Muralla, rúa Santiago, Estrada Vella de Santiago e cemiterio. Na volta, os autobuses circularán pola Estrada Vella de Santiago, rúa Santiago, Vilalba, Ramón Ferreiro, Salvador de Madariaga, praza de Bretaña, Dinán, San Roque e Ronda da Muralla ata o punto de saída, fronte a Obras Públicas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios