Ante a convocatoria de senllas concentracións este sábado en Ferrol e A Coruña en protesta por actos de Vox, Amnistía Internacional Galicia fixo un chamamento ás autoridades para que a policía garanta o dereito á protesta e de reunión pacífica, incluídas as accións de desobediencia civil pacífica.
“Pedimos que os dispositivos policiais para a xestión da orde pública actúen segundo as normas internacionais de dereitos humanos relativas ao uso da forza, dando prioridade á distensión e á protección do dereito de reunión pacífica e da integridade física de todas as persoas”, declarou Sara Prieto, voceira de Amnistía Galicia. A organización demandou expresamente “que a policía non faga uso das pelotas de goma porque son imprecisas e poden causar lesións graves”.
Precedentes de uso excesivo da forza
Amnistía Internacional lembra que imaxes recentes difundidas por medios e xornalistas na Coruña mostraron actuacións policiais problemáticas, como disparos de pelotas de goma a curta distancia e cara, golpes de porra na cabeza e cargas indiscriminadas, que provocaron lesións por un uso excesivo da forza.
A organización subliña que as normas internacionais son moi restritivas:
- As porras só deben dirixirse contra os brazos ou as pernas de persoas que estean a ameazar con dano físico, evitando calquera uso contra quen non teña un comportamento violento. Os feitos illados de violencia non invalidan o carácter pacífico dunha manifestación e deben tratarse de forma proporcionada e específica.
- As pelotas de goma unicamente deben empregarse contra a parte inferior do abdome ou as pernas dunha persoa violenta, e exclusivamente para facer fronte a unha ameaza inminente de lesións.
Recomendacións internacionais e contexto europeo
As peticións da entidade coinciden con denuncias recentes en todo o Estado e coas recomendacións do Consello de Dereitos Humanos da ONU (Exame Periódico Universal de 2025), que alertou sobre a falta de rendición de contas ante o uso excesivo da forza e reiterou a necesidade de que a actuación policial respecte a proporcionalidade e sexa investigada de xeito exhaustivo.
Desde hai anos, Amnistía Internacional reclama protocolos transparentes de uso da forza e armas menos letais, con participación social, informes pormenorizados e atención médica inmediata ás vítimas. Nun eido máis amplo, a organización denuncia a tendencia en Europa de estigmatizar, criminalizar e reprimir a quen se manifesta pacificamente para acalar a disidencia.
Finalmente, a organización lembra que, conforme ao Pacto de Dereitos Civís e Políticos (artigo 20), os únicos límites que non gozan de protección baixo o dereito de reunión pacífica son aquelas protestas con fins de apoloxía ao odio nacional, racial ou relixioso que constituyan incitación á discriminación, hostilidade ou violencia.