O Racing volveu mostrar a súa carencia de gol e non pasou do 0-0 contra a Ponferradina. Ojeda, cun xute desde o centro do campo que bateu no traveseiro, e un remate de Monjonell que foi ao mesmo lugar, foron as mellores ocasións xunto coas de Alcaina, que lembrándonos ao de tantas tardes en Riazor, estragou as tres claras que tivo. No segundo tempo, o agasallo foi de Edgar, a quen Domínguez rouboulle o gol nunha desas paradas imposibles no remate dun saque de esquina.
Traveseiros e agasallos impiden o gol do Racing
O Racing non puido facerse co control cando Pozueta Rodríguez deu a orde de inicio do encontro. A Ponferradina, con máis posesión durante os dez primeiros minutos, tamén se beneficiou da resistencia arbitral a mostrar cartóns moi cedo. Unha agarrada impedindo a escapada de Buján non a considerou nin falta, o mesmo que outra entrada visitante na franxa central.
O Racing, opaco ofensivamente, puido anotar desde a estratexia a balón parado. Nun libre indirecto, Esquerdo, novidade no once en lugar de Fabio, colocou a pelota na cabeza de Monjonell, cuxa picada puido sacala con moitos atrancos Domínguez no minuto trece. Tras o saque de esquina, un defensa meteu o corpo para impedir que o xute de Bernal acabara na rede.
Cando o partido cumpría o primeiro cuarto, unha acción puido ficar gravada na retina dos espectadores para sempre. Ojeda recibiu no círculo central, ollou a posición adiantada de Domínguez e mandoulle un balón aéreo que superou ao meta. A pelota bateu no traveseiro e, malia bater nas costas de Domínguez e recorrer uns metros por diante da liña de gol, foi recollida polo cerbero.
Dous minutos despois, nunha posición algo forzada no segundo pau, Alcaina cruzou de cabeza un centro de Esquerdo desde a dereita. O ex do Penafiel volveu tela no 27, nunha parede con Ojeda, pero mandou o xute a rentes da barra.
Ningún equipo era quen de impoñerse co xogo ao rival, pero o Racing chegaba mellor e máis veces. Malia todo, no minuto 35, Lucas chapou xunto á base do poste un xute de Slavy desde a frontal.
Alcaina tivo a terceira logo que o Racing roubara na parcela rival un mal pase de Domínguez. Ojeda cedeu a pelota ao de Museros, que tras acomodarse fronte ao meta, volveu disparar alto.
No minuto 43, noutra falta como a do minuto trece, Esquerdo volveu a contactar con Monjonell, pero a cabezada do central bateu no traveseiro. No seguinte minuto Esquerdo, tamén de cabeza, rematou un centro longo de Álvaro Ramón, pero Domínguez, nunha grande estirada, abortou outra ocasión clara de gol.
Domínguez e a parada imposible a Edgar
Nafti corrixiu o lado dereito da defensa no descanso coa entrada de Nieto. O cadro berciano dispuxo da primeira ocasión do segundo acto nunha contra pola dereita para De León, pero o extremo non quixo apurar todos os metros posibles e Lucas, xeonllo en terra, chapou en dous tempos o seu disparo.
Co control de balón, o Racing tardou en sumar a primeira ocasión até cando o partido acariñaba a hora de xogo. Alcaina, cruzando de cabeza, non deu superado a Domínguez, que chapou cunha estirada. O meta visitante fixo a parada da tarde nun córner desde a súa dereita que rematou de cabeza Edgar chegando só no segundo pau.
No minuto 64, Álvaro Ramón anticipouse e roubou para proxectarse ao ataque desde o primeiro cuarto. O seu golpeo en condución foi chapado por Domínguez.
Vázquez gastou a primeira xanela e Eto’o, cabeceando un centro de Buján, xerou a súa primeira ocasión ao minuto de pisar o céspede.
No treito final, Domínguez atrapou en dous tempos un disparo polo centro de Buján.
O Racing deixou ver outra vez que ten problemas de finalización. Desta foi Alcaina, pouco eficaz porque precisa moitas ocasións para anotar. A iso xuntouse a mala sorte dun equipo que crea ocasións, pero non materializa,
Ficha
SÁBADO 31/10/2026 (16,30) Campo: A MALATA (4.566)
RACING C. FERROL : 0 – S.D. PONFERRADINA : 0 (0‑0)
RAC : Lucas; Edgar (Saúl 82’), Monjonell, Germán, Álvaro Ramón; Bernal, Arroyo (Raúl Blanco 77’), Esquerdo (Fabio 77’); Buján, Alcaina (Eto’o 68’), Ojeda (Ropero 68’). Tre. Javi Vázquez. (Banco: César (g); David Castro; Fabio; Sekou; Azael; Raúl Blanco).
PNF : Domínguez; Koke, Undabarrena, Aymane, Aleix Roig (Nieto D); Calderón (Tounkara 77’), Borja, Pablo Muñoz (Sabroso 84’), Vacas, De León (Faye 68’); Slavy (Quicala 68’). Tre. Mehdi Nafti. (Banco: Alvin (g); Abedzadeh (g); Emi; Andújar; Aranda; Chibozo; Macaaga).
Goles:
Árbitro: Pozueta Rodríguez (Cantabria). Auxiliares: Melón Lanza e Pascal Gil. 4º árb.: Gómez Carral.
Disciplina: CA: Calderón 13’; Álvaro Ramón 29’; Edgar 34’; Vacas 52’; Borja 55; Buján 57’; Alcaina 59’; Aymane 59’.
Foto: Alcaina sigue vivindo de costas ao gol. © 21noticias.com