O PSOE de Ribeira acusa ao PP de urdir unha “manobra de salvación” coa Festa da Dorna semellante á das Festas de Verán

O PSOE de Ribeira amosou o seu total respaldo á Real e Ilustre Cofradía da Dorna ante a delicada situación que ameaza a celebración da emblemática festa de cara ao ano 2027. Os socialistas denuncian un presunto paralelismo co sucedido nas Festas de Verán de 2025, apuntando a unha estratexia calculada polo Partido Popular para tensionar a situación e rentabilizala politicamente.

O voceiro municipal socialista, Fran Suárez-Puerta, cuestionou duramente a xestión do goberno local e a postura de Portos de Galicia, esixindo solucións administrativas reais e rexeitando que a alcaldesa, María Sampedro, intente erixirse en «salvadora dun conflito artificial».

Un conflito «repetido» e recadacións desproporcionadas

Dende as filas socialistas lembran que os problemas administrativos xa veñen de atrás. En 2023, o executivo municipal —entón con Manuel Ruiz Rivas á fronte e María Sampedro como responsable da área— incumpriu o prazo de solicitar os espazos portuarios con dous meses de antelación, o que obrigou daquela á Cofradía a facer fronte a unha sanción de 5.000 euros.

Na actualidade, Portos de Galicia reclama arredor de 17.000 euros por un suposto período de ocupación de 40 días, unha cifra moi superior ao uso efectivo real. Ante isto, Suárez-Puerta lanzado duras preguntas: «¿Qué pretende cobrar exactamente Portos para facturar 40 días? ¿Ou é que nin sequera sabe o que factura?«

Ademais, o PSOE esixe que se aplique de inmediato a bonificación do 90 % recoñecida legalmente á entidade e alerta sobre a orde de desaloxo que pesa sobre o local da Cofradía, lembrando que un acordo plenario de 2018 establecía que o Concello debía asumir a titularidade do inmoble para cedelo posteriormente.

Críticas á «política de foto» e apoio á directiva

Para Suárez-Puerta, a actuación de Portos de Galicia no municipio xerou máis conflitos que investimentos reais no sector marítimo. O voceiro socialista cargou contra o relato do executivo local: «Autodenomínanse o goberno das solucións. Será porque primeiro embarran a situación, logo preséntanse como os únicos capaces de resolvela e finalmente esperan os aplausos»

O líder do PSOE local advertiu que a solución aos conflitos institucionais non pode depender de «fotografías institucionais con alcaldesas», senón de procedementos rigorosos, seguridade xurídica e compromisos por escrito que non poñan en risco as subvencións fundamentais para a supervivencia da Festa da Dorna.

Finalmente, Suárez-Puerta quixo trasladar un mensaxe de apoio persoal ao presidente e a toda a directiva da Cofradía, poñendo a disposición do colectivo o 100% da estrutura socialista para apoiar as decisións que adopten os seus socios e socias en defensa da festa máis popular de Ribeira.

Comparte éste artículo
No hay comentarios