O Concello da Laracha presenta o programa do 25N con actividades formativas e participativas para previr a violencia de xénero

Inclúe accións nos centros de ensino para máis de 500 alumnos, curso de defensa persoal feminina e a sexta edición da andaina A Laracha unida fronte ás violencias machistas.

O Concello presentou hoxe a programación municipal que organiza con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. O alcalde, José Manuel López Varela; a concelleira de Igualdade, Rocío López; a directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM), Ana Aldao; e a técnica de Igualdade, Xiomara Lazo, deron a coñecer as actividades previstas para desenvolver ao longo das vindeiras semanas.

A programación combina accións educativas e formativas nos centros escolares, propostas dirixidas á poboación feminina e unha iniciativa participativa aberta a toda a cidadanía. O obxectivo común é avanzar na prevención das violencias machistas, promover a igualdade e fomentar relacións baseadas no respecto, a liberdade e o consentimento.

Estas actuacións enmárcanse no traballo continuado que desenvolve o Concello a través das súas políticas de igualdade e prevención da violencia de xénero.

A programación municipal en torno ao 25N está organizada polo Concello en colaboración co Ministerio de Igualdad, a Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.

Xornada de intervención socioeducativa nos CEIPs – 25 de novembro

Coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, desenvolverase unha xornada de intervención socioeducativa dirixida ao alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria dos tres centros educativos do municipio: Otero Pedrayo, Caión e Alfredo Brañas.

En total, 192 nenos e nenas participarán durante toda a mañá en diferentes actividades destinadas a promover a igualdade de xénero, a corresponsabilidade, o respecto mutuo e a construción de relacións saudables. A proposta combinará obradoiros temáticos cunha xincana cooperativa de investigación, mediante a que o alumnado poderá traballar estes valores dun xeito dinámico e participativo.

Programa de prevención das violencias machistas na xuventude – novembro e decembro

O IES Agra de Leborís acollerá durante os meses de novembro e decembro un programa de obradoiros formativos dirixidos ao alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO e de Formación Profesional Básica.

A iniciativa chegará a un total de 326 estudantes e abordará cuestións como a educación emocional, a prevención das violencias machistas no ámbito dixital e a promoción de relacións afectivas baseadas no respecto, a igualdade, a liberdade e o consentimento.

Curso de defensa persoal feminina – 27 de novembro

O Centro Sociocultural de Paiosaco será o escenario dun curso de defensa persoal feminina dirixido a mulleres maiores de idade, e a mozas maiores de 16 anos que conten coa correspondente autorización.
A formación está adaptada a todos os niveis e ofrecerá preparación tanto física como mental para coñecer e practicar as actuacións que se poden levar a cabo ante posibles situacións de risco.

Para participar requírese inscrición previa na web municipal de actividades.

VI Andaina A Laracha unida fronte ás violencias machistas – sábado 28 de novembro, ás 11:00 horas
A programación culminará cunha nova edición desta iniciativa simbólica e participativa que busca expresar o rexeitamento colectivo á violencia de xénero e o apoio ás vítimas.

A sexta andaina sairá da Praza Les Sables d’Olonne ás 11:00 horas e finalizará coa lectura dun manifesto por parte do Espazo de Participación da Infancia e Adolescencia (EPIA).


A actividade está aberta á participación de toda a cidadanía, á que se convida a sumarse a este acto colectivo de sensibilización e compromiso coa igualdade.


Comparte éste artículo
No hay comentarios