O xogo riba do aro acaba cun Santo que intentou competir.
As expectativas eran as que eran, cun equipo que arrastra importante baixas dende o principio da temporada, pero o Ineltrón Santo Domingo Betanzos compareceu en Marín, na pista do líder, con gana de dar a batalla. Proba diso foi o 4-11 de arrancada, cun Arón Espiñeira cun 2/2 en triplas (acabou cun 3/8 pero con 18 puntos, nunha destacada actuación), pero o equipo local, cos seus 5 xogando por riba do aro, pese ao dominio reboteador final dos visitantes, lograron levar o partido ao seu rego e divertir a bancada (5 mates ao remate do encontro). O seu xogo exterior non foi tan efectivo (35,29%) pero si bastante mellor ca o dos betanceiros, que cun 20%, materializado en 6 triplas na totalidade do partido, fixeron todo o posible para que unha vantaxe local que no descanso estaba en +8 (51-43) non chegase máis alá deses +20 coa que rematou o encontro. Dentro das actuacións individuais, importante actuación do júnior Arón Espiñeira, xa se apuntou, 20 puntos para un Abelleira que se redimiu da discreta anotación da semana pasada, e 13 para un Rozas que multiplica os seus esforzos ante as baixas dos interiores betanceiros.
Con este resultado os betanceiros sitúanse cun 1-4 que xa os fai figurar en prazas de descenso. Porén, José Amando Pena “Soviético” prefire pór a nota no positivo: “Bo partido do equipo logrando manter o ritmo de xogo. Mágoa algúns fallos preto do aro á hora de conseguir canastras. Foron superiores a nós en moitas facetas do xogo. Como aspecto positivo, quixera destacar o bo traballo de todo equipo”.
Vindeira semana, ocasión de volver sumar unha vitoria. O domingo 8 de novembro visita o José María Valeiro Iglesias “Tocayo” o Fedesa Rosalía.