As bases veñen de ser publicadas no BOP e o prazo de solicitudes abrirase a partir do 20 de novembro.
A Deputación da Coruña destina 250.000 euros a apoiar as actividades das asociacións de nais e pais do alumnado (ANPAs) dos centros educativos públicos da provincia durante 2027. O programa permitirá financiar actividades extraescolares, reforzo educativo e servizos de conciliación, así como iniciativas que promovan a inclusión e a igualdade de oportunidades.
As bases desta liña de subvencións para ANPAS, impulsada pola Área de Educación, publicáronse onte, 3 de novembro, no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Poderán beneficiarse as ANPAs dos centros públicos que impartan o segundo ciclo de educación infantil, educación primaria e educación secundaria na provincia da Coruña.
Cada entidade poderá solicitar unha subvención de entre 1.500 e 10.000 euros, que cubrirá entre o 20 % e o 80 % do orzamento subvencionable. As actividades deberán desenvolverse entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2027.
Apoio ás familias e á participación na vida escolar
A deputada de Educación, Yoya Neira, explicou que ntre as actuacións subvencionables figuran as actividades extraescolares, os programas de reforzo educativo, as visitas didácticas e culturais e os encontros e xornadas de convivencia. Tamén se inclúen servizos que faciliten a conciliación da vida laboral e familiar, como a atención ao alumnado antes do inicio da xornada lectiva.
As axudas permitirán, ademais, desenvolver iniciativas que fomenten a inclusión social, a igualdade de oportunidades, o uso da lingua galega e o respecto polo medio ambiente.
Con este programa, a Deputación contribúe a reforzar o papel das ANPAs na vida dos centros, apoiando propostas que complementan a formación do alumnado e favorecen a participación das familias na comunidade educativa.
Solicitudes e criterios de valoración
As subvencións concederanse en réxime de concorrencia competitiva. Na valoración teranse en conta a calidade, a coherencia e o interese educativo dos proxectos presentadops, a incorporación de propostas innovadoras, a colaboración con outras entidades da contorna e o grao de participación das familias nas ANPAs.
Está previsto que o prazo de presentación de solicitudes se abra o 20 de novembro. A tramitación realizarase a través da plataforma telemática SUBTEL da Deputación, de acordo coas condicións e cos modelos que se indiquen na convocatoria.
As bases completas poden consultarse no BOP de onte, 3 de novembro.