A Deputación da Coruña recibe a Xacarandaina polo seu subcampionato no mundial de folclore

A entidade provincial mantén un apoio constante á asociación cultural tanto no desenvolvemento das súas actividades coma no investimento para as súas infraestruturas e proxectos.

O Pazo Provincial acolleu hoxe a recepción oficial da Deputación da Coruña á Asociación Cultural Xacarandaina, nun acto que contou coa presenza da deputada de Cultura, Natividade González, e membros da corporación provincial. A homenaxe tivo como obxectivo felicitar á formación coruñesa polo seu destacado papel no Campionato Mundial FIDAF Brasil 2026, celebrado no marco da vixésimo segunda edición do Festival Internacional de Folclore de Nova Prata, no estado de Río Grande do Sul.

A agrupación obtivo a segunda posición no certame tras unha final moi disputada fronte ao grupo búlgaro Sofía 6. Xunto co subcampionato mundial, o conxunto coruñés sumou o premio ao mellor baile en parella internacional e o recoñecemento ao mellor vestiario. A expedición, integrada por 29 persoas, completou en Brasil a primeira xira transatlántica da historia da entidade, participando en festivais, actividades educativas e encontros de intercambio cultural para levar a música e a danza galegas ao escenario internacional.

Durante a recepción, a deputada de Cultura, Natividade González, destacou o “orgullo que supón para a provincia contar cunha representación cultural deste nivel” e salientou a “calidade do traballo” da agrupación. A deputada sinalou que “este triunfo internacional pon en valor o patrimonio inmaterial galego” e demostra “a importancia de seguir apoiando dende as institucións públicas o labor de investigación, preservación, difusión e dinamización que realizan entidades históricas como Xacarandaina”.

Ademais, a Deputación, a través da área de Cultura, colabora de forma continuada con Xacarandaina, destinando fondos tanto para a programación e desenvolvemento das súas actividades habituais como para investimentos estruturais a través de diferentes convocatorias de subvencións.

Xacarandaina

Fundada na Coruña e próxima a cumprir medio século de vida, a Asociación Cultural Xacarandaina converteuse nun alicerce fundamental para o folclore galego grazas a unha intensa pedagoxía e ao traballo etnográfico de campo que permitiu rescatar, documentar e protexer máis de 500 bailes, músicas e traxes tradicionais. Cunha traxectoria que supera as 150 representacións en escenarios e festivais de todo o mundo, a entidade combina a xestión dunha recoñecida escola de baile e música tradicional coa proxección artística dos seus grupos de grupo e banda, mantendo vivo o legado popular e situando o patrimonio cultural de Galicia ao máis alto nivel internacional.

Comparte éste artículo
No hay comentarios