Este sábado a veciñanza da Laracha volve manifestarse para amosar a súa preocupación e rexeitamento do proxecto de macroplanta de Biogás que está proxectada na parroquia de Soandres, a menos de 300 metros das casas e co río Anllóns como vertedoiro dos residuos líquidos que xerará esta instalación.
A manifestación partirá ás 12:00h da praza Les Sables d’Olonne, a carón da Biblioteca Municipal, e percorrerá varias rúas da Laracha ata rematar na praza do Concello onde a Plataforma Stop Biogás A Laracha procederá a ler un manifesto.
“Convocamos a toda a comarca de Bergantiños, porque o perigo desta planta aféctanos a todos os que vivimos a carón do Anllóns”, indican dende a Plataforma Stop Biogás A Laracha, convocante desta mobilización que afirman estar moi preocupados ante a falta de acción das Administracións: “O Concello da Laracha di que está en contra pero pode paralizar cautelarmente o proxecto e non o fai” sosteñen.
Neste sentido, o Concello acaba de convocar para este mesmo venres ás 13:30, o día antes da manifestación e no centro sociocultural de Paiosaco, o Pleno Extraordinario que fora solicitado anteiormente polos grupos da oposición BNG e PSOE, sobre a paralización do proxecto, ao que a Plataforma anuncia: “Temos que acudir toda a veciñanza a este Pleno a presionar ao Concello para que tome medidas reais contra o proxecto”.