O primeiro tramo do termo municipal de Santiago rematará en novembro e o conxunto da actuación permitirá completar en marzo os 36 quilómetros da que será a Vía Verde máis longa de Galicia.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe as obras de ampliación da Vía Verde Compostela–Tambre–Lengüelle no termo municipal de Santiago, acompañado do deputado provincial , Antonio Leira. A institución provincial destina 1.784.622,96 euros ás obras dos diferentes tramos, que permitirán prolongar o itinerario ata a capital galega e completar un percorrido de arredor de 36 quilómetros para camiñantes e ciclistas sobre as antigas vías do tren.
A previsión é rematar o primeiro tramo do termo municipal de Santiago o vindeiro mes de novembro e completar o conxunto do trazado en marzo de 2027. Os tramos da Vía Verde en Compostela suman 10,18 quilómetros e darán continuidade ao itinerario que a día de hoxe xa conecta os concellos de Cerceda, Tordoia, Ordes e Oroso.
A actuación aposta pola Vía Verde como unha infraestrutura de mobilidade sostible e un recurso para o turismo activo, que permite coñecer a paisaxe e o patrimonio da contorna a pé ou en bicicleta. A conexión con Santiago ampliará tamén as posibilidades de promoción do percorrido e de xeración de actividade económica nos concellos polos que discorre.
O primeiro tramo rematará en novembro
Durante a visita, a comitiva coñeceu o avance dos traballos do primeiro tramo, de 2.165 metros de lonxitude, que parte da antiga estación ferroviaria da Sionlla de Abaixo e chega ata un camiño veciñal situado entre os túneles 2 e 3. Estas obras foron adxudicadas por 753.820,86 euros e está previsto que rematen en novembro.
O estado no que se atopaban os túneles ao iniciarse os traballos fixo necesaria a redacción dun proxecto modificado para incorporar actuacións adicionais de reforzo e seguridade nos mesmos. En concreto, incluíronse o reforzo estrutural do túnel 2 e a instalación dunha malla para evitar a caída de cascotes no túnel 1, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas usuarias.
Un tramo finalizado e o enlace intermedio en execución
O tramo 2.1, entre Ramelle e a ponte sobre o río Tambre, está xa rematado. Esta actuación, de 3.170 metros, foi adxudicada por 264.420,01 euros e financiada con fondos NextGenerationEU no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) da Vía Verde Compostela–Tambre–Lengüelle. As obras foron recibidas o pasado 5 de xuño.
Por último, o tramo 2.2, que conecta os dous anteriores, está en execución desde o pasado 23 de setembro. Cun investimento de 766.382,09 euros e un prazo de seis meses, e comprende o percorrido entre o camiño das Pereiras, no punto quilométrico 2+165, e a estrada de acceso a Ramelle, no punto quilométrico 7+010.
Este tramo intermedio ten unha lonxitude de 4,8 quilómetros e inclúe o túnel 3 e o viaduto de Reconco. O seu remate, previsto para marzo de 2027, permitirá completar a totalidade do itinerario da Vía Verde no termo municipal de Santiago.
“Esta vai a ser a Vía Verde máis longa de Galicia, cun investimento de máis de 5 millóns de euros para crear unha infraestrutura que recupera un patrimonio ferroviario que estaba en desuso para convertela nun itinerario para camiñar ou andar e bici que merece moito a pena e que creo que vai ter unha gran aceptación social”, afirmou Valentín González Formoso.
Coa finalización destres tres tramos en Santiago, a Vía Verde Compostela–Tambre–Lengüelle consolidará os seus 36 quilómetros de lonxitude como a máis longa de Galicia, recuperando o patrimonio ferroviario para novos usos vinculados ao lecer, á práctica deportiva e a mobilidade sostible.